Silleda, 8 de agosto de 2017. A Concellería de Normalización Lingüística de Silleda, que dirixe a concelleira Pilar Peón, vén de programar un ciclo de cinema de producción galega para as vindeiras datas. A iniciativa arranca a vindeira semana na vila da Bandeira, onde no marco das Festas de Verán se proxectará o mércores 16 a película “Os Fenómenos”. A cita será na praza Vales Mahía (xunto ao auditorio) a partir das 21:00 horas. Este film do ano 2014, dirixido por Alfonso Zarauza, narra a loita dunha muller por atopar traballo, encarnada pola actriz Lola Dueñas. Luis Tosar, Touriñán, Federico Pérez, Morris, ou Miguel de Lira forman parte do elenco deste drama no que non faltan tintes de humor e que acadou premios coma o do Festival de Cine de Málaga.
O ciclo continuará en setembro o venres día 8 con outra proxección en Silleda, tamén ao aire libre. A cita será na praza de Juan Salgueiro con “O Apóstolo” tamén ás 21:00 horas. Tamén en setembro está prevista outra proxección (neste caso interior e coa ubicación aínda por determinar) coincidindo co Día Internacional do Alzhéimer. Neste caso proxectarase a longametraxe de animación “Arrugas”, o exitoso traballo de Ignacio Ferreras baseado na novela gráfica de Paco Roca.