A concentración e a primeira marcha feminista polas rúas de Silleda centran o venres a programación do Día da Muller

Silleda,  6 de marzo de 2019.  O Concello de Silleda celebrará este vernes día 8 diversos actos reivindicativos con motivo do Día Internacional da Muller.

A xornada comezará ás 12:00 cunha concentración na praza da Igrexa e continuará pola tarde con actividades na Casa da Cultura de Silleda. Así ás 17:00 horas terá lugar a presentación do que é xa o IV Plan de Igualdade 2017-2020 do Concello de Silleda, cunha serie de medidas para avanzar no ámbito da Igualdade.

Unha delas é precisamente a apertura dunha sección temática de Iguadade e Xenéro na Biblioteca Municipal Daniel Castelao. Dende mañá estarán a disposición do público novos títulos sobre esta temática coa finalidade primordial de dar a coñecer as obras do feminismo, rescatar o legado literario das mulleres, celebrar a diversidade e divulgar unha cultura non sexista.

 

A sección contará con cinco categorías: literatura infantil e xuvenil non sexista, feminismo, literatura en feminino, diversidade e violencia de xénero.

A continuación, ás 18:30 proxectarase na Casa da Cultura cinco curtametraxes dirixidas e protagonizadas por mulleres. Así poderán visionarse Miss Wamba, de Estefanía Cortés; Centrifugado, dirixida por Mireia Noguera; Mai, de Marza González; Marta, dirixida por Lucía Forner e Madres de Luna, baixo a dirección de Alicia Albares e protagonizada entre outros por Ingrid Rubio.

A xornada do 8-M rematará coa Marcha Feminista polas rúas de Silleda, unha cita que se celebra por primeira vez e que partirá ás 20:00 horas dende a Casa da Cultura.

“Agardamos contar co maior número de persoas na marcha, un dos actos centrais desta xornada reivindicativa e na que un ano máis volvemos a convidar ás mulleres a sumarse á folga prevista para esta xornada”, explica a concelleira de Iguadade, Pilar Peón, lembrando o éxito da convocatoria do pasado ano