-O convenio firmouse esta mañá na Federación Galega de Municipios e Provincias, (Fegamp)
Silleda, 27 de xullo de 2016. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, firmou esta mañá o convenio de cesión dos dous centros de saúde do municipio, que pasarán á xestión da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
O acordo asinouse hoxe entre o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e o presidente da Fegamp, Alfredo García Rodríguez, nun acto que estivo presidido polo vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, e ó que acudiron tamén numerosos rexedores dos concellos incluídos no pacto.
A firma deste convenio implica a cesión dos centros de saúde de Silleda e Bandeira á Consellería, que asumirá a súa xestión, espérase que non máis tarde do mes de setembro, o que significará un aforro considerable para as arcas municipais.
Este pacto enmárcase no cumprimento do Pacto Local, e de este xeito, os edificios e terreos cedidos integraranse no patrimonio do Sergas.
O seguinte paso para os centros de saúde de Silleda, que están dentro dun total de 29 que firmaron este convenio, e que responden a unha selección e priorización feita pola propia Fegamp, será a revisión da documentación necesaria para levar a cabo o proceso administrativo que corresponde, que establece ademais que cada transferencia de titularidade debe ser aprobada polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia.