Silleda, 26 de xuño de 2015. Os traballos para a dixitalización do arquivo municipal de Silleda, realizados a través do programa da Deputación Provincial de Pontevedra, iniciáronse esta semana.
A través do uso dun scanner especial, estanse a dixitalizar documentos do arquivo silledense.
“Trátase dunha iniciativa que será beneficiosa para os concellos porque ademais de facilitar consultas, se está a preservar valiosa documentación”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
O equipo de traballo, que está a traballar en xornada de mañá e tarde, estima que precisará un periodo de dous meses para proceder á dixitalización dos fondos.
O sistema empregado permite a dixitalización de actas, informes e outros documentos antigos en alta calidade.
Os traballos realízanse no salón de plenos cun escáner especial para a dixitalización de fondos antigos e especialmente valiosos.
Este proxecto busca dar continuidade ao que se denominou como Centro de Coñecemento Avanzado, a través do que xa se dixitalizaron numerosos documentos en municipios da provincia de Pontevedra.