-A construtora silledense destina o 1% do que factura a inversións sociais
Silleda, 27 de febreiro de 2016. A empresa Endenor, fundada polo emprendedor Fernando Pena Caramés, e con cerca de dúas décadas de traxectoria no municipio de Silleda, conta coa súa propia obra social, na que doa o 1% da súa facturación a inversións de carácter social nos municipios onde acomete os traballos.
Nesta liña, a compañía está a colaborar co Concello de Silleda, aportando a súa man de obra a un proxecto social consistente na execución dun baño completo, adecuando a zona, instalando a electricidade, fontanería, albanelería, e aparatos sanitarios, así como a depuración de augas residuais mediante unha fosa séptica e canalizacións, dando solución así, a un problema de infravivenda dunha familia silledense.
“Como responsable da obra social de Endenor, e gracias ao traballo de todos os compañeiros da empresa, a nosa intención e invertir o 1% da execución de material dos nosos contratos en todos aqueles concellos onde realizamos obras. A nosa filosofía consiste, por tanto, en re-invertir ese 1% dos nosos traballos nun ben común para o entorno” – indica Maica Romero, responsable dos proxectos.
Mediante unha reunión mantida en pasados días co alcalde de Silleda, este expresou o agradecemento e o apoio a esta idea: “Creo que é algo a admirar dunha empresa coma esta, e gustaríanos que outras entidades tomen exemplo e se unan a esta iniciativa solidaria” – comenta o rexedor.