Silleda, 15 de setembro de 2014. A Xunta de Goberno de Local de Silleda vén de acordar a adxudicación das obras para dotar de cuberta as dúas pistas de pádel de O Castro á empresa Míguez Xestoso.
Esta firma foi a única as empresas solicitadas que presentou oferta para o proxecto, adxudicado no mesmo prezo de licitación, por 49.449 euros.
O alcalde explica que as obras deberán de estas listas o vindeiro mes de novembro.
Este proxecto concorreu á convocatoria de axudas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, recollida nunha orde do pasado 1 de abril para a execución de infraestruturas de uso público, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
Este departamento autonómico deu o visto bo ao proxecto silledense, que ten un orzamento total de 49.449,62 euros. O importe da subvención concedida ascende a 37.499,72 euros, que corresponde ao 75% do custe total, financiándose a cantidade restante con fondos municipais.
“Con esta actuación melloramos considerablemente estas instalacións deportivas que veñen usando numerosas persoas, e que unha vez que conten coa cuberta poderán utilizarse durante máis xornadas, xa que ata o de agora as condicións climatolóxicas limitaban o usos destas canchas”, explica o alcalde, Manuel Cuíña.
A estrutura prevista no proxecto abarca a superficie das dúas pistas , que con esta actuación “serían utilizables prácticamente durante todo o ano, co consecuente beneficio para os usuarios que se achegan ata estas instalacións”, engade Cuíña.
A edificación consiste nun sistema estrutural portante básico que sosterá con seguridade a lámina que actuará como teito das pistas. Así colocarase unha estrutura que permita a creación de pórticos para cubrir toda a superficie das dúas canchas. Tamén se realizará un sistema de saneamento e evacuación de pluviais.
“Estas instalacións están a ser moi utilizadas, non só polos veciños e veciñas de Silleda senon tamén polos de outros municipios cercanos que se achegan ata as pistas de O Castro a prácticar deporte. Dende o Concello de Silleda, co ánimo de seguir avanzando na mellora das nosas infraestruturas públicas, e neste caso nas deportivas, apostamos por este proxecto para fomentar a práctica deportiva e mellorar o rendemento destas canchas, que ata o de agora só se podía usar durante apenas uns meses do ano polas inclemencias meteorolóxicas”, explica o alcalde.