Con esta nova viveirista, xa só queda un despacho libre neste centro no que se están a desenvolver tamén distintas actividades formativas
O Viveiro de Empresas do Concello de Silleda acolle a unha nova emprendedora silledense coma usuaria das instalacións deste centro municipal de emprendemento. A alcaldesa, Paula Fernández, e a enxeñeira agrícola Verónica Gómez Collazo asinaron nestes días o contrato de cesión de uso dun dos despachos, o número 3.
Dende este centro, Verónica Gómez ofrecerá servizos de enxeñería agrícola a través da súa empresa, Tirgalia. Con ela son xa catro os despachos ocupados, dous deles por outras dúas emprendedoras silledenses e outro por parte da Asociación de Empresarios do Polígono, co que xa só queda un espazo dispoñible neste centro municipal.
A alcaldesa Paula Fernández Pena destaca a boa acollida desta iniciativa “na que ademais se están a desenvolver outras actividades da man do plan de dinamización do viveiro a través do convenio ca Fundación Roberto Rivas” así como reunións e sesións formativas de empresas e entidades que así o solicitan.
Dende o Concello lémbrase que o regulamento de uso do viveiro silledense, onde figuran as condicións para as persoas emprendedoras, pódese consultar na web municipal.