Silleda, 4 de setembro de 2019. O Concello de Silleda, a través do departamento municipal de Igualdade, retoma a Escola de Empoderamento que se puxo en marcha hai agora un ano.
Na liña de intervención adicada ao liderado feminino, levarase a cabo unha segunda actuación formativa sobre técnicas para falar en público, cunha duración de 20 horas en total.
O curso que terá lugar na Casa da Cultura de Silleda abordará cuestións coma o proceso de comunicación, a conexión co público, ou o discurso, para que dende o coñecemento e o adestramento as participantes poidan adquirir técnicas que lle axuden a superar as dificultades á hora de falar en público.
Tamén se analizarán xestos e a linguaxe paralingüística que normalmente utilizamos, traballando o discurso para que este teña unha estructura diferenciada e sexa claro.
Celebrarase dende o 24 de setembro e ata o 24 de outubro os martes e xoves en horario de 18:00 a 20:00 horas.
“Este curso busca mellorar as competencias das mulleres á hora de enfrontar con éxito o discursos e presentacións como ferramenta no ámbito laboral ou noutras facetas de participación social”, explica a concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño.
As persoas que desexen participar xa poden inscribirse no Centro de Información á Muller (CIM), que coordina a actividade, a través do teléfono 986 592937 ou no mail cim@silleda.es.
Dende a Escola de Empoderamento, que se estreou o pasado ano con outro obradoiro similar, están previstas máis actividades ao longo dos vindeiros meses.
A Escola de Empoderamento nace co obxectivo de convertirse nun espazo de encontro no que as mulleres analicen as súas propias experiencias e poidan disponer de ferramentas que contribúan a reforzar o seu sentido de individualidade e asuman responsabilidades sobre as súas propias decisións.