Silleda, 17 de xuño de 2016. Os nenos da Escola de Fútbol de Silleda celebraron na tarde de hoxe o fin da tempada de competición con unha festa por todo o alto para todos os rapaces.
A celebración comezou ás 17:00 horas no pavillón 7 da Semana Verde, e prolongouse ata case a medianoite. Os nenos disfrutaron ao longo de toda a tarde do fútbol de burbuxas, (Bumper balls), e de bolas zorbing, así como de inchables, e ata un campionato de karting por tempos.
Tamén houbo sesión de discoteca de man do dj Sanse e, tras unha merendola para todos os presentes, puideron disfrutar do partido de fútbol televisado entre España e Turquía.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e outros membros do seu equipo de goberno, tamén se achegaron a felicitar aos rapaces por unha fantástica tempada, na que 3 equipos lograron o ascenso á primeira división de fútbol base nas súas respectivas categorías, (benxamíns, alevíns e infantís. Así coma os biberóns, que tamén quedaron campións de liga.
Sen dúbida un fin de festa ben merecido que pon o broche de ouro a unha exitosa tempada futbolística.