Silleda, 3 de xaneiro de 2017. A Casa do Concello de Silleda acolle do 13 ao 27 de xaneiro próximos a mostra Exodus, na procura de refuxio, con imaxes dos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago. As fotografías, realizadas entre setembro e outubro de 2015, documentan as vivencias dos refuxiados que fuxen de distintos conflictos bélicos para chegar ás costas gregas e percorrer os Balcáns na procura dun futuro mellor en Europa.
A peor crise migratoria do noso continente dende a Segunda Guerra Mundial é a protagonista destas imaxes que quedarán instaladas nas dependencias da Casa Consistorial de Silleda aberta de luns a venres en horario de 08:00 a 15:00 horas. A mostra chega dende o departamento de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra.
O acto de apertura terá lugar o vindeiro venres día 13, ás 12:00 horas, coa presenza da deputada Digna Rivas, o alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Benestar Social, Pilar Peón, entre outros. Segundo os datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando da guerra en 2015. Delas un 25% eran menores e preto de 3.700 persoas morreron tentando atravesar o Mar Exeo.
O camiño comeza en Oriente Medio, dende onde fuxen centos de miles de persoas dende Siria, Irak ou Afganistan. Un fluxo constante de humanidade que movida pola desesperación arrisca a súa vida na procura dun futuro mellor.
En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras . Os refuxiados atravesan Europa coa intención de alcanzar países coma Alemaña, Suecia ou Noruega.
Felipe Carnotto (Sao Paulo, 1986) é un fotógrafo independente licenciado en Comunicación Audiovisual pola UPSA de Salamanca. As súas fotografías exploran o mundo desde unha perspectiva documental e de autor plasmando os grandes acontecementos do século XXI. Viaxa cara a ruta dos refuxiados para ser testemuña do que acontece. Desprázase tamén a Nicaragua, onde elabora o traballo El asesino silencioso de Latinoamérica, que publica El País, sobre as comunidades máis pobres de Nicaragua e a incidencia do mal de Chagas.
O seu traballo publícase en The Guardian, Der Spiegel, El País, ABC, Interviú, Sermos Galiza… Acada o posto de honra no IPA Awards e gaña o concurso "Imaxes con fondo" do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Adrián Irago (Vigo, 1987) é reporteiro gráfico desde 2009 especializado no fotoperiodismo e a edición multimedia, é licenciado en Comunicación Audiovisual pola UPSA (2010) e cursou o Máster Internacional de Fotografía Documental na Escola EFTI en Madrid.
Os seus traballos céntranse na cultura, na antropoloxía e en temas de interese humano. Entre eles, Los hombres que domaban a las bestias, obtén o Premio Nacional de Fotoperiodismo pola Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa e Televisión (ANIGPyTV) en 2012, cunha imaxe da rapa das bestas de Sabucedo. Destaca tamén a súa cobertura dos desafiuzamentos en Madrid, o tradicional rito dos "Picaos" na Rioxa, ou a recente crise dos refuxiados en Europa.
A súa carreira arrancou como cámara de televisión e pronto se decanta pola fotografía como medio de expresión artística. En 2012 trasládase a Madrid, onde obtén o Máster Internacional de Fotografía Documental na escola EFTI e comeza a colaborar coa axencia de noticias e reportaxes internacionais Contacto, o que o leva a publicar en medios internacionais e nacionais, así como na produtora Calamar2 e outros medios locais de Vigo e Salamanca. Algunhas das súas obras forman parte da colección privada da escola EFTI en Madrid e do Concello de Salamanca. Actualmente desenvolve o seu traballo como fotógrafo no xornal Faro de Vigo.