Silleda, 3 de xaneiro de 2013. Silleda volverá a vivir unha xornada de feira no día de Reis o vindeiro domingo, coa celebración do certame no que participarán máis dunha ducia de artesáns, a maioría vecinos e veciñas do propio municipio. Cestos e sombreiros de palla, xoias e complementos, encaixe, pezas de madeira, e tamén productos alimentarios forman parte da oferta desta cita que comezará ás 16.00 horas.
Como novidade, a Feira de Reis, que comezou a recuperarse o pasado ano traladarase á Praza da Feira Vella, onde tamén terá lugar a III Xuntanza de Baile e Música Tradicional, na mesma xornada. “Ademais de unir as dúas citas da xornada, deste xeito recupérase tamén a ubicación tradicional da propia feira”, sinala o concelleiro de Cultura e Turismo, Matías R. Da Torre.
Xunto coa oferta dos distintos postos de venda, os asistentes poderán degustar chocolate, roscón de Reis e queimada. “Será tamén unha cita para animar á xente á sair á rúa nun día moi especial no que algúns tamén poderán lembrar a tradicional feira silledense”, apunta Da Torre, que lembra o éxito da convocatoria do pasado ano.
Os artesáns que participarán nesta edición son: Manuel Liñares Fernández, de Graba (cestería-bimbio); Carmen Recemil Caramés, tamén de Graba con sombreiros de palla; Jorge Conde, con cabazas pintadas; a pintora silledense Marisa Miguélez (pedras pintadas); Jose Manuel Llinares Climent, de Parada, con encaixe de bolillos; Rosa Fernández Míguez, con xoias feitas de xemas naturais (Estrataxema); Adriana Rey Presas, de Ponte, con abalorios (Cousas DaDa); Cedric Bouchard (Fontao), con A casa dos xogos (creacións en madeira); Antonio González Abal (cerámica e vidro), de Coas Mans Artesanía; Leonardo Crespo (pezas en madeira); Silvia de Lusquefusque. Participa tamén a Asociación Feiral Semana Verde cos produtos elaborados na queixería, as rosquilleiras de Abades, e Pilucha (Galletas Petite Sofía).
A xornada festiva rematará en Silleda coa III Xuntanza de Baile e Música Tradicional, que se presentará mañá.