Silleda, 18 de agosto de 2017. A localidade da Bandeira celebra mañá o seu día grande das Festas de Verán, coa empanada como protagonista. A 43 edición da Festa da Empanada arrancará xa pola mañá co pasarrúas da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira. Ás 13:15 haberá misa cantada na honra da Virxe das Ermidas, previa á actuación da citada banda.
A celebración gastronómica dará comezo ás 18:00 horas, unha vez que xa estén todas as empanadas presentadas a concurso. A actuación do grupo Xirandola animará a xornada na carballeira, onde o xurado elexirá as pezas gañadoras nas categorías de profesionais e amas de casa.
A cita, organizada dende a Asociación de Amigos da Empanada recupera de novo a poxa das pezas ganadoras, logo dun ano sen celebrarse. O evento será presentado pola actriz e xornalista Fátima Mella. Ás 20:00 horas está previsto o pregón a cargo da actriz veciña da Bandeira Cristina Collazo, que promete sorprender cunha orixinal proposta. Unha vez coñecidos os premios ás empanadas máis sabedeiras procederase a subastar as pezas entre o público.
A cea das peñas, animada pola charanga Chourizo Criollo, prolongará a velada que continuará coa verbena na rúa Xeral a cargo das orquestras Fin de Siglo e Costa Oeste.
A Bandeira remata o programa festivo o domingo día 20, co Open de Petanca “Suso Otero”, e o concerto matutino a cargo das Bandas Municipal de Silleda e Artística de Merza, que seguirá á misa cantada polo Coro Vales Mahía e a posterior procesión.
Pola tarde haberá un obradoiro de xogos e xoguetes tradicionais de madeira para as familias (ás 18:00 horas na rúa Xeral) e o fin de festa estará protagonizado polas bandas de música de Silleda, Bandeira e Merza.
O luns, festivo local en Silleda
O luns día 21 será xornada de festivo local no municipio de Silleda.
Dende o Concello reitérase, unha mes máis, a prohibición de estacionar dende hoxe e ata a madrugada do luns en todo o desvío da nacional e apélase á colaboración da cidadanía para o correcto desenvolvemento das festas.