Silleda, 29 de marzo de 2018. O sabor dos callos e a música tradicional volverán encher o vindeiro sábado día 14 de abril a parroquia silledense de Ansemil Martixe. A Festa dos Callos e a Foliada da Pereiriña celebran o seu sexto aniversario consolidadas xa no calendario festivo do municipio de Silleda. Os membros da Asociación Veciñal e Cultural de Ansemil-Martixe e da Asociación Cultural e Musical Gaiteiros da Pereiriña presentaron hoxe no Centro Social da localidade a sexta edición desta cita nun acto ao que asistiu tamén o tenente de alcalde, Klaus Brey, e os concelleiros Pili Peón e Benito Saavedra.
Para a celebración da cita haberá carpa pechada e aparcadoiro gratuito. O menú estará composto por empanada, callos, pan, viño, postre e café. O prezo é de 12 euros (para nenos/as de entre 6 e 12 anos custa 5 euros, e os menores de 5 non pagan). As entradas para asistir poden mercarse en Martixe (Taberna de Isabel de Ubaldo); Breixa (A Nosa Taberna); O Castro (Bar Sanse); Saídres (Taberna de Concha); en Silleda (no Bodegón de Esther e na Casa da Cultura) e tamén na Bandeira (Bar Arume , A Taberna do Músico e Mercamella). Tamén haberá pulpeiro con carpa independente. As persoas interesadas en facer reservas ou recibir máis información poden chamar aos números de teléfono 626 913655- 615 958969.O prazo para reservar entradas remata o xoves 12 de abril. Este ano ademais os asistentes poderán facer xa a reserva como peñas.
A cita comezará con música arredor das 13:30 horas e continuará ata a noitiña. Na Foliada actuarán un total de nove grupos de música tradicional. Así, nesta edición estarán as Pandereteiras A Xariza, de Parada; Os Charabiscas de Vila de Cruces; o Grupo de Gaitas Xirandola da Bandeira; Pau de Buxo de Saídres; o grupo de baile Aires do Trasdeza do Colexio María Inmaculada; O Son da Fervenza, de Escuadro; o Grupo de Acordeóns da Escola Municipal de Música de Silleda; o Coro Voces da Terra de Vila de Cruces e o grupo anfitrión, os gaiteiros da Pereiriña de Ansemil-Martixe.
A xornada rematará coa actuación do Dúo Punto Cero.
“Quixemos facer da xornada un punto de encontro para os veciños da zona e ao mesmo tempo ampliar a oferta gastronómica do municipio”, engaden dende a organización, que agradecen o apoio tanto do Concello de Silleda como de das distintas empresas e firmas colaboradoras.
Os membros da asociación teñen previsto preparar o seu afamado prato con 130 quilos de carne (100 kilos de pata, 10 kilos de ventre, 10 de panceta e outros 10 de chourizo) e preto de 80 quilos de garavanzos.
Dende o Concello de Silleda Klaus Brey felicitou aos colectivos organizadores “por acadar en pouco tempo con traballo e esforzo un grande éxito”, dixo, e destacou o esforzo e unión dos veciños para “consolidar definitivamente o sabor dos callos como un novo referente gastronómico do municipio de Silleda”, engadiu.