-A cita gastronómica, xa consolidada no calendario gastronómico da comarca, agarda superar en esta cuarta edición, aos arredor de 500 comensais do ano anterior
Silleda, 8 de abril de 2016. A parroquia de Ansemil-Martixe volve vestirse de festa o vindeiro sábado día 23 de abril, coa cuarta edición da Festa dos Callos e da Foliada da Pereiriña. A cita, organizada pola Asociación Veciñal e Cultural de Ansemil-Martixe e a Asociación Cultural da Pereiriña, en colaboración co Concello de Silleda e establecementos hostaleiros, comezará a partir da unha.
Durante a presentación, que tivo lugar hoxe, os organizadores explicaron que a xornada se abrirá coas actuacións da foliada, que nesta cuarta edición reúne a 10 agrupacións. Así estarán presentes Os Sin Son Ghaiteiros, Os Regatos, Os Ke Hai, o Grupo de Baile Aires do Trasdeza do Colexio María Inmaculada, Pandereteiras Lilaila, Xuntanza dos Regatos, Grupo de Gaitas Xirandola, Pandereteiras de Siador, Pao de Buxo e os Gaiteiros da Pereiriña. Os grupos farán unha pequena actuación pola mañá, e pola tarde a cita rematará coa actuación de unha hora de duración de Os Sin Son Ghaiteiros.
O menú estará composto de empanada, callos, pan, viño, postre e café, cun prezo de 12 euros por persoa. Os nenos de 6 a 12 anos deberán pagar 5 euros e os menores de 5 poden asistir de balde.
Para o xantar hai que presentar a invitación, que pode retirarse en distintos establecementos. Así, están dispoñibles na Taberna de Isabel de Ubaldo (Martixe); A Nosa Taberna (Breixa); Bar Sanse (O Castro); na Bandeira (Bar Arume e Taberna do Músico) e en Silleda, na Casa da Cultura e no Bodegón de Esther. Para máis información e reservas os interesados poden chamar aos teléfonos: 678.232.901; 626.913.655 ou 615.958.969.
Dende a organización queren subraiar a importancia de retirar as invitacións antes do día 20 de abril, para poder así facer unha previsión o máis realista posible.
O alcalde, Manuel Cuiña, e o concelleiros Klaus Brey, Ana Luisa González, e María José Fernández, participaron hoxe na presentación desta cuarta edición da festa, que foi medrando en participación dende o seu nacemento.
O reto é chegar sobrepasar este ano os 500 comensais, logo de chegar a esa cifra no ano anterior. Os membros da asociación teñen previsto preparar o seu afamado prato con 130 quilos de carne (pata, ventre, panceta, e chourizo), e preto de 80 quilos de garavanzos.
Ademais do aparcadoiro gratis, e da carpa para a degustación dos callos, haberá outra independente cun pulpeiro.
Dende o Concello, o alcalde Manuel Cuíña, felicitou aos colectivos organizadores “por acadar en pouco tempo con traballo e esforzo un grande éxito”, dixo, “e por facer desta xornada un punto de encontro para os veciños da zona, ao mesmo tempo que amplía a oferta gastronómica do municipio”, engadíu.