Silleda, 4 de setembro de 2015. O presidente da Fundación Amigos de Galicia, o empresario silledense Miguel Villar, entregou hoxe no departamento de Benestar Social xunto con representantes dalgúns dos equipos que participaron no torneo de fútbol solidario do pasado domingo, equipamento escolar para unha vintena de nenos e nenas do municipio.
O alcalde, Manuel Cuiña, acudiu ao acto acompañado das concelleiras de Benestar Social, Pili Peón, e de Deportes, Ana Luisa González, para agradecer en nome de todos e todas as silledenses “este novo xesto de solidariedade que axudará a familias do noso entorno que están a pasar por momentos difíciles”.
No cuadrangular organizado dende a Fundación Amigos de Galicia, e celebrado o pasado domingo día 30 en Lamela, recaudáronse 900 euros que se investiron na compra de material escolar de cara ao inminente inicio do curso.
Cuiña tamén agradeceu a colaboración dos 4 clubs de fútbol de Silleda e de todo o público asistente ao evento deportivo, ademais de resaltar o traballo que realiza Amigos de Galicia, coa atención integral a unha vintena de familias de Silleda a través do convenio co Concello.