Silleda, 20 de decembro de 2015. A Fundación do Santuario de Nosa Señora da Saleta vén de facer unha importante doazón ao Concello de Silleda que contribúe a mellorar as dependencias da Casa da Cultura.
Trátase de varios elementos e instalacións que foron aquiridos pola entidade, que preside Roberto José Rivas, con motivo da existosa exposición “Silleda no século XIX”, celebrada entre o 7 de xuño e o 13 de xullo pasados.
Dende a fundación, o seu presidente apunta que en atención ao apoio e traballo realizado dende o Concello se realiza a doazón de varias instalacións.
Así, o padroado da Fundación acordou ceder ao Concello a instalación completa de iluinación realizada nas tres salas de exposicións da Casa da Cultura de Silleda, valorada en máis de 6.000 euros. Tamén pasan ao Concello as seis cámaras de videovixiancia e toda a instalación correspondente ao sistema de seguridade que foi colocado nas mesmas salas para a celebración da citada exposición, valoradas tamén en preto de 2.000 euros.
Do mesmo xeito, a entidade tamén fai a cesión en uso dun total de 14 peanas, encargadas para a mostra Silleda no seculo XIX, de varias dimensións. Estas serán destinadas para a colocación sobre elas de tallas, esculturas e outros obxectos de arte nas exposicións que se poian organizar nestas dependencias municipais.
No convenio asinado esta maña entre o alcalde, Manuel Cuiña e o presidente da fundación, Roberto Rivas, tamén figura que o Concello asume distintas obrigas, entre elas no relativo ao mantemento e emprego destas instalacións.
O alcalde, Manuel Cuiña, amosou o “agradecemento do Concello de Silleda, e en nome de todos os veciños e veciñas, á Fundación da Saleta por esta destacada donación que permitirá mellorar as instalacións da Casa da Cultura, con dispositivos axeitados para acoller a celebración de mostras artísticas”, engade.
Así mesmo Cuiña destaca a contribución da Fundación e de Roberto Rivas “ao panorama cultural do noso municipio, onde a mostra Silleda no século XIX xa marcou un fito, tanto en número de visitantes como pola valía dos documentos e obxectos amosados”, engade.