A Fundación Semana Verde e o Concello de Silleda asinaron un convenio de colaboración para o apoio entre ambas entidades

Silleda, 8 de setembro de 2014.– A Fundación Semana Verde de Galicia e o Concello de Silleda asinaron hoxe na casa consistorial silledense un convenio de colaboración para o apoio de ambas entidades.

 

O alcalde, Manuel Cuíña, e o director da Fundación, Ricardo Durán, rubricaron o acordo, -cunha duración de dous anos prorrogable por outros dous-  baixo o cal a Fundación permitirá  ao Concello a celebración de actividades culturais e lúdicas nas instalacións feirais, tanto exteriores como interiores, previo acordo respecto á ubicación, tipo de actividade e duración, entre outros.

 

Pola súa banda, o Concello de Silleda comprométese a efectuar traballos á Fundación Semana Verde, realizando tarefas puntuais de xardinería, desbroces, fontanería, limpeza, movementos de terra, reparación de superficies… durante a celebración de certames e eventos ou cando sexan requeridos.

 

O alcalde, Manuel Cuíña, sinala que se trata dun convenio “moi agardado que beneficiará a todos os veciños e veciñas deste municipio e redundará na mellora das actividades que organicemos dende o Concello”. Cuíña define este acordo como “histórico” e “moi importante para o Concello e a Fundación Semana Verde de Galicia”.

 

Así mesmo, destaca que “por fin os veciños e sobre todo os colectivos e asociacións poderán, coa coordinación dende o Concello e a Fundación, desfrutar dunhas magníficas instalacións para celebrar actividades, no maior recinto feiral de Galicia”, sinala.

O rexedor agradece a vontade amosada dende a Fundación e destaca “a boa sintonía e colaboración” entre as dúas entidades.

 

Pola súa banda, o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricado Durán, destaca que coa sinatura deste convenio a Fundación pretende “traballar en consonancia co Concello de Silleda na prestación de servizos e na resolución de problemas”, xa que “a cidadanía esixe colaboración e boa sintonía entre ambas entidades para que o recinto cumpra o seu obxectivo de ser multiplicador para os silledenses e para os sectores económicos de Galicia”. Con esta sinatura, afirma, “camiñamos nesa dirección”.

 

Durán, que cualifica este acordo como o inicio dun marco de colaboración no que espera pechar pronto o convenio para a compensación da débeda entre a Fundación e o Concello, tamén o considera “un paso máis cara a autofinanciación” da entidade feiral, ao permitir que esta poda cubrir necesidades sen externalizar traballos, o que supón unha importante redución de gastos.