Silleda, 29 de abril de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, recibiu esta mañá de mans do director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, as chaves do edificio que albergaba as oficinas da entidade, e que pasa a ser de titularidade municipal.
Deste xeito deuse cumprimento ao acordo asinado en decembro do ano pasado para
a compensación mutua das débedas entre as dúas institucións e a liquidación total das mesmas, logo de varios anos de intentos e negociacións.
O edificio, onde se ubicará a Escola de Música, ten unha superficie de 1.819 metros cadrados construídos, nunha parcela de 2.700 metros cadrados. O acordo tamén inclúe o traspaso ao Concello doutras dúas parcelas: unha de 8.251 metros cadrados, onde previsiblemente se construirá o Centro de Día Residencial para os maiores, e outra de 29.000 metros cadrados, -situada en Ponte, fora do recinto- para que se están a estudar posibles destinos.
Ricardo Durán explicou que co peche deste proceso se deu unha solución “vital para a Fundación xa que a situación debido á débeda era unha constante ameaza para a entidade”. O director xeral explicou que a resolución do conflito, na que destacou o “entendemento entre Concello e Fundación”, foi “un paso adiante enorme” e que agora “comezamos unha nova etapa”. Así mesmo, expresou o seu desexo de que o futuro destas instalacións “redunde no ben de Silleda". A Fundación sigue contando con 40 hectáreas de terreo.
“Hoxe remata un soño”, sinalou o alcalde de Silleda Manuel Cuiña, lembrando que coa solución dada “puxemos fin a un dos problemas históricos deste concello”. Tamén apuntou que co acordo asinado a situación de débeda “deixou de ser unha carga para a Fundación que é e seguirá sendo moi importante para Silleda”.
Adiantou que con este aumento do patrimonio municipal se dará solución á falta de espazos para actividades culturais, co próximo traslado da Escola de Música. Explicou, logo de percorrer todas as dependencias do edificio, que o inmoble “se atopa en bo estado” e que se poderán cumprir os prazos previstos para que o novo curso académico da Escola de Música comece xa neste edificio, logo de realizar as pertinentes remodelacións na primeira planta.
Cuiña tamén explicou que ao acto de entrega das chaves foron convidados membros da Escola, que finalmente non puideron asistir por motivos profesionais. Tamén avanzou que a parcela de 8.000 metros fronte ao hotel se destinará inicialmente a Centro de Día-Residencia mentres que para a situada en Ponte aínda non está decidido a qué se vai dedicar.