Silleda, 14 de xaneiro de 2016. O vindeiro sábado día 5 de marzo terá lugar na vila da Bandeira a homenaxe ao ex alcalde de Silleda Juan Salgueiro Montouto. Así se acordou na reunión celebrada onte entre o alcalde, Manuel Cuiña, e representantes dalgunhas das asociación que impulsan esta homenaxe.
A data elixiuse coincidindo co primeiro aniversario do pasamento do ex rexedor, e tendo en conta que nesa xornada tamén se celebrará o cabodano na capela da Bandeira. O acto terá lugar despois do oficio relixioso, previsto para as 12.00 horas.
No encontro celebrado onte mércores no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, Cuiña e os membros dos colectivos organizadores perfilaron distintos destalles da homenaxe así coma o apoio dende o Concello.
Nas vindeiras semanas concretaránse xa cuestións do programa, que incluirá o descubremento dunha estatua adicada a Salgueiro. Para sufragar a realización desta, séguense a recoller donativos.
As persoas que queiran facer aportacións poden dirixirse ao establecemento A Casiña dos Contos, na Bandeira, ou realizar o seu ingreso na oficina de Abanca da localidade.
As asociacións promotoras desta homenaxe agradecen ademais os donativos recollidos ata o de agora para sufragar os gastos da estatua adicada ao que fora alcalde de Silleda entre os anos 1987 e 1999.
Na homenaxe participan as asociacións Amigos da Empanada; Asociación Cultural Vista Alegre; Asociación de Veciños de Manduas (AVEMA); Asociación Musical Recreativa e Cultural da Bandeira; Asociación Banda
Xuvenil da Bandeira; Club Petanca Bandeira; Grupo de Baile Xirandola; Asociación Cultural Xenerais do Entroido da Bandeira; Grupo de Baile Fortín da Pom ba; Sociedade Deportiva Bandeira; Anpa Brincadeira do CEIP da Bandeira; Coro Vales Mahía; Asociación Medias Verdes Teatro e a Banda de Veteranos da Bandeira.