-Este ano, haberá dúas rutas, de 42 e 36 kms., que comezarán no pavillón municipal de Silleda e pasarán pola Fervenza do Toxa e o mosteiro de Carboeiro, entre outros
-Como cada ano, os participantes entregarán alimentos ao programa municipal Silleda Solidaria
Silleda, 17 de marzo de 2016. O vindeiro domingo, 20 de marzo celebrarase en Silleda a III Kedada Solidaria en BTT, organizada polo clube BTT Trasdeza en colaboración co Concello de Silleda. O roteiro contará coa participación de máis de 180 persoas, todas elas afeccionadas a esta práctica deportiva.
A cita partirá do campo de fútbol do Outeiriño de Silleda, ás 09.30 e contará cun percorrido de aproximadamente 45 kilómetros, de dificultade media-alta, tendo como novidade este ano unha ruta alternativa de 36 kms. co fin de unificar as chegadas.
O traxecto discorrerá por enclaves naturais como a Fervenza do Toxa, o mosteiro de Carboeiro, ou o roteiro do baixo Deza, que comeza na parroquia de Abades.
Están previstos tres avituallamentos.
Cada un dos participantes da kedada entregará un quilo de alimentos non perecedoiros, que a organización doará, coma en anos anteriores, integramente ó Banco de Alimentos do Programa Municipal Silleda Solidaria, e tamén deberá aportar 5€ en concepto de inscrición.
Dende o Banco de Alimentos faise unha chamada para intentar cubrir os produtos dos que teñen máis escaseza nestes momentos, como son leite, cola cao, azucre, aceites, conservas, ou potitos infantís.
A recollida de dorsais previa á ruta realizarase no pavillón municipal César González Fares de Silleda ese mesmo día ás 08:15. Tamén nese mesmo emprazamento contarase con duchas, parquin, e lavado de bicicletas ao remate da proba.
Unha vez rematada a kedada, os participantes poderán degustar productos típicos da zona: lacón, empanada, e rosquillas.
A ruta está organizada polo colectivo BTT Trasdeza, creado hai tres anos e que conta socios que veñen participando os domingos en distintas saídas polo territorio silledense.
Dende a organización quere agradecerse a colaboración e apoio das firmas colaboradoras, así como dos participantes que colaboran ano tras ano nesta iniciativa.