Silleda, 24 de outubro de 2014. O proxecto para remodelar por completo o campo de fútbol da Gandareira, na Bandeira, está xa en marcha. Técnicos da Diputación realizaron novas medicións topográficas no recinto deportivo para establecer as dimensións necesarias á vista da inminente instalación do novo sistema de iluminación do campo, con 4 torres.
Esta obra, realizada polo Concello a través da axuda que lle corresponde do Fondo de Compensación Ambiental, con unha inversión de 42.655 euros, iniciarase nas próximas xornadas e supón o punto de partida do ambicioso proxecto de remodelación do campo, que se fará en colaboración coa Deputación de Pontevedra
Ao organismo provincial correspóndelle as obras de dotación de herba artificial e mellora das instalacións da Gandareira. Así, ademais do terreo de xogo ampliarase o recinto para construir novos vestiarios e gradas.
Ao mesmo tempo, coa nova iluminación tamén se busca optimizar a instalación lumínica do recinto, co consecuente aforro enerxético. Así reducirase a potencia con unha instalación de 16 luminarias repartidas en 4 torres. A dotación será similar a doutros campos de fútbol do municipio, coma do de Outeiriño, en Silleda.
Co inicio destas obras na iluminación o Concello de Silleda asume así a súa aportación aos traballos de mellora e renovación deste estadio de fútbol, que se completará logo do compromiso adquirido coa Deputación de Pontevedra.
“Agardamos que os traballos de renovación deste campo, o único estadio de fútbol do municipio que aínda ten o terreo de xogo en terra, poida comezar canto antes”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que nos últimos dous anos se renovaron os campos de fútbol de Lamela e de Laro, -nos dous casos con herba natural e outras melloras- ademais de acometer tamén outras inversión no campo de Outeiriño, en Silleda, que xa conta dende hai anos con céspede artificial.