A mellora da sinalización e interpretación do Románico en Silleda iniciarase nos vindeiros días

Silleda,  1 de outubro de 2015. O Concello de Silleda levará a cabo a mellora da sinalización do patrimonio románico do municipio, coa proposta de crear un roteiro en torno a este estilo arquitectónico .

Esta iniciativa, cunha inversión de  11.600 euros (9.500 euros máis IVE) recibiu o visto bo da Axencia de Turismo de Galicia, acadando unha axuda de 5.464 euros (o 57% do orzamento) a través das subvencións  a concellos para fomento de accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos no medio rural. 

Para levar a cabo esta actuación dende o Concello solicitáronse tres ofertas a empresas do municipio. A Xunta de Goberno Local decidiu na súa última sesión adxudicar a Emse Deseño Gráfico este proxecto, tendo en conta as melloras presentadas por esta firma.

 

Nos últimos anos a influenza do sector turístico deixouse notar con forza no municipio, destacando entre os recursos do territorio silledenses os de tipo histórico, patrimonial e artístico-relixioso.

As diversas igrexas románicas paralelas ao Camiño de Santiago, co mosteiro benedictino de Carboeiro, símbolo do mellor románico oxival de Galicia, como un dos emblemas, protagonizan esta nova aposta do Concello de Silleda, que integra 9 elementos.

Así, ademais do mosteiro de Carboeiro, considerada a grande xoia do románico oxival galego, conforman o roteiro a igrexa de Santiago de Breixa, San Pedro de Ansemil, o conxunto relixoso de Abades; San Martiño de Dornelas; San Salvador de Escuadro; San Martiño de Fiestras; San Mamede de O Castro; e a igrexa de Santiago de Taboada.

 

Logo de dar os primeiros pasos no ano 2007 para unha primeira sinalización dos templos románicos, con este proxecto, búscase crear un sistema de sinalización de uso público para a interpretación do patrimonio relixioso no termo municipal de Silleda.

“Queremos complementar a mellorar o proxecto anterior ofrecendo aos milleiros de visitantes que se achegan cada ano a Silleda, en particular aos que optan por un turismo de tipo cultural,  un novo aliciente, promocionando os moitos exemplos do estilo románico que temos nas parroquias”, engade a concelleira de Turismo, Ana Luisa González.

As ilustracións existentes, colocadas no ano 2008 atópanse ademais moi deterioradas e a día de hoxe non cumpren a función para a que foron deseñadas.

O proxecto busca unha sinalización uniformada con paneis interpretativos, tendo en conta as características propias do contorno relacionado co patrimonio relixioso, para darlle aos vecisitantes unha información básica dos valores patrimoniais que representan.

Haberá paneis verticais e tamén horizontais en atril, coa información máis completa posible e en dous idiomas (galego e castelán).

 

Dende o departamento de Turismo tamén se advirte que este proxecto deixa a porta aberta á incorporación de novas tecnoloxías, coa posibilidade de incluir códigos QR ou outras aplicacións para complementar a información dos paneis. 

Os paneis serán sinxelos, tanto no deseño como na estrutura, respetuosos co patrimonio, e con materais de calidade (no tocante ás impresións con tintas solventes e resistentes a raios UVA, encapsulado…).

 

Sala con todos os recursos en Carboeiro

Emse Deseño Gráfico presentou como mellora a creación, a maiores, doutra interesante iniciativa no plano da promoción turística. Trátase de crear en Carboeiro un espazo ou sala onde haxa información e imaxes de todos os recursos turísticos do municipio de Silleda (roteiros, espazos naturais…). Con isto búscase concentrar toda a información e recursos turísticos de Silleda no punto con maior afluenza de visitantes, o mosteiro de Carboeiro, o emblema turístico por excelencia da comarca do Deza.