-
Instaláronse novos farois e tamén alcorques nas árbores para suprimir as diferenzas de nivel e acumulación de residuos
-
Paula Fernández: “Estas actuacións melloran os espazos públicos e facilitan unha mobilidade máis amable”
O plan de mellora urbana iniciado polo goberno silledense continúa dando pasos, esta vez, con actuacións na rúa Emilio Alonso Paz e noutros espazos dos dous centros urbanos, A Bandeira e Silleda.
No caso da rúa Emilio Alonso Paz, as labores comezaron fai unhas semanas coa instalación de novos farois na zona de cruce coa rúa Progreso para mellorar a iluminación desa zona
Continuaron posteriormente coa instalación de novos alcorques nas árbores, coa retirada das reixas de fundición existentes e a instalación de grava fixada cunha resina transpirable. “Esta solución permite que as árbores sigan recibindo todos os nutrientes necesarios, ao tempo que se suprimen as diferenzas de nivel que provocaban as reixas, coa consecuente acumulación de residuos”, di a alcaldesa e responsable de Urbanismo, Paula Fernández.
Nos últimos días, os operarios municipais tamén están reparando as beirarrúas, con reposición de baldosas deterioradas e retirando os bolardos existentes na vía. “A eliminación destes bolardos fan que a rúa se vexa mais ampla ao tempo que se mellora a mobilidade peonil” di a alcaldesa. Paula Fernández fai un chamamento aos condutores para que eviten estacionar os seus vehículos nas zonas de tránsito peonil.
Os labores terminarán cunha reorganización do tráfico para garantir unha maior amplitude na zona de beirarrúas xa que, nun dos marxes da vía, a beirarrúa é moito mais estreita e os vehículos ao aparcar ocupan parte da mesma, dificultando a circulación.
“Estas obras, que estamos a realizar con operarios municipais, permiten mellorar os espazos públicos, adaptándoos a un formato de mobilidade amable ao que a cidadanía silledense afíxose despois da boa acollida da rúa Progreso”, di a alcaldesa.
Outras obras
No marco deste plan realizáronse ademais outras actuacións por todo o centro urbano de Silleda e da Bandeira, como a iniciada na zona do campo de golf, onde se mellorou o espazo de aparcadoiro.
Ademais instaláronse dous farois que permiten iluminar esta zona moi frecuentada por grupos de mozos. “Seguiremos traballando na reorganización desta zona que cada vez usan máis persoas”, asegura a alcaldesa
Na vila da Bandeira, os operarios municipais están estes días realizando labores de limpeza e preparación das beirarrúas da Moa e as sendas que van á igrexa de Manduas. “Esta acción debería executala Xunta de Galicia, que é a adminsitración titular da vía, pero a súa falta de resposta, e a intensa utilización destes espazos por xente maior, non nos permite esperar máis polo goberno autonómico”, asegura Paula Fernández