O Concello de Silleda informa de que a Modificación Puntual número 2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) queda exposta ao público tras a publicación do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Esta modificación foi aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o pasado 30 de xaneiro e ábrese agora un prazo de dous meses para que a cidadanía poida consultar o expediente.
O documento poderá examinarse a través da sede electrónica municipal e polos medios legalmente establecidos, garantindo así o acceso á información e a participación pública no procedemento.
A Modificación Puntual nº 2 introduce axustes técnicos concretos no planeamento vixente derivados da súa aplicación práctica e das necesidades detectadas en distintos núcleos do municipio. Trátase dunha actuación de alcance limitado que non altera o modelo territorial nin a estrutura xeral do PXOM, non modifica a clasificación do solo nin supón incrementos de edificabilidade ou aproveitamentos urbanísticos.
As actuacións afectan a un total de nove ámbitos do municipio. En Ponte (Aldea de Abaixo – Sino), Rellas (A Lama) e Siador elimínanse aliñacións que non se axustaban á realidade existente. En Fiestras (As Ferreiras) e O Castro (O Agriño – O Tellado) incorpóranse novas aliñacións para mellorar a ordenación do viario. En Graba (Ervixe) axústase e regularízase unha aliñación existente. En Margaride (San Fiz) reorganízase unha zona verde que non estaba correctamente identificada na documentación.
No núcleo de Silleda actualízase a cartografía incorporando viarios existentes e eliminando outros que non se corresponden coa realidade, ademais de regularizar aliñacións na zona de Outeiro. En Refoxos procédese á eliminación e traslado de determinados elementos catalogados co fin de adaptalos á realidade territorial e garantir a súa protección.
De maneira paralela ao período de información pública, solicitaranse os informes sectoriais ás administracións competentes conforme á normativa urbanística e ambiental vixente.
Desde o goberno municipal subliñan que esta modificación permite seguir perfeccionando o PXOM de forma gradual, atendendo á realidade do territorio e ás achegas da veciñanza, reforzando unha ordenación máis operativa e acorde coa realidade municipal sen necesidade de acometer unha revisión integral do planeamento.
