Silleda, 24 de novembro de 2014. A sala de exposicións do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira acolle dende o vindeiro luns día 1 e ata o venres día 5 unha exposición fotográfica sobre os campamentos de refuxiados de saharauis.
Durante a inauguración, que terá lugar o día 1 ás 20.00 horas, haberá unha charla-coloquio sobre a realidade saharaui ou o programa Vacacións en Paz, na que participarán membros da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), que organiza esta mostra xunto co Concello de Silleda e a Asociación Vista Alegre.
Esta mostra consta de 51 imaxes que reflexan a vida dos refuxiados nos campamentos do Sáhara, así coma o traballo da comisión médica de Sogaps, ou algunha das institucións saharauis no exilio, entre outras. Dende a entidade, Pablo Romeo explica que a mostra amosa tamén a entrega de axuda humanitaria que chega aos campamentos dende Galicia.
Dende o Concello anímase ao público a achegarse ata o centro Vista Alegre para coñecer distintos aspectos da vida nos campamentos de refuxiados ou de iniciativas como o programa de acollida Vacacións en Paz.