Silleda, 25 de febreiro de 2015. O vindeiro día 10 de abril chegará a Silleda a obra O Espantallo Amigo, a representación da compañía Os Quinquilláns, sobre o texto de Xosé Neira Vilas.
A cita chega organizada pola Concellería de Educación, que dirixe Pilar Peón, e que conseguiu o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a súa celebración.
A representación está dirixida aos escolares de Primaria dos centros do municipio para conmemorar o Día do Libro Infantil, que se celebra en abril. O proxecto teatral está baseado na obra homónima de Xosé Neira Vilas, unha historia de xenerosidade editada no ano 1971 . Esta nova aposta de Os Quinquilláns de forma conxunta coa Editorial Galaxia , supón un diálogo novo entre o teatro e a literatura, entre a narración e a representación, unha forma diferente de ver teatro e tamén de ler un libro.
Dende a Concellería de Educación, Pili Peón, explica que se convidou ao alumnado de 4º,5º e 6º, dos tres centros de Silleda e que os alumnos/as que asistan á sesión recibirán como agasallo o libro Espantallo Amigo, editado por Galaxia.
A concelleira tamén agradece á Secretaria Xeral de Política Lingüística a súa implicación nesta proposta, “para que os nenos e nenas de Silleda poidan disfrutar desta emblemática obra, que naceu hai xa varias décadas, e que foi traducida a diversos idiomas”, explica.