– A iniciativa, que se co financia xunto ca Deputación de Pontevedra a través do programa provincial PON2030, suporá humanizar e rexenerar a avenida Recinto Feiral, a rúa Arturo Pérez Lázara, e a baixada á Escola de Música. A actuación ten un orzamento de 893.189,62 euros
Silleda, 18 de abril de 2024. A obra de mellora da mobilidade peonil e rexeneración urbana na avenida Recinto Feiral e a rúa Arturo Pérez Lázara de Silleda, está xa en fase de licitación, despois do acordo plenario do pasado día 5.
O prazo para presentar ofertas é de 26 días naturais, rematando o vindeiro 6 de maio.
O proxecto ten un investimento previsto de 893.189,62 euros e con el búscase mellorar a mobilidade peonil e reforzar a seguridade no entorno da zona deportivo-escolar da capital municipal, cunha gran afluenza de persoas a diario.
O proxecto supón a rexeneración urbana do tramo da avenida Recinto Feiral, á beira do que se sitúan o CEIP Plurilíngüe de Silleda e o pavillón municipal “César G. Fares”, así como na rúa Artúro Pérez Lázara, onde se ubica o estadio municipal de fútbol de Outeiriño-Joselu Mato, e tamén o acceso á Escola de Música Municipal.
Ademais da renovación do pavimento e beirarrúas, seguindo a filosofía de mobilidade aplicada na rúa Progreso, tamén se renovará todo o alumeado e mobiliario público, incluíndo ademais a renovación de toda a barandilla no tramo lindeiro co parking do recinto feiral Semana Verde.
O prego de condicións establece como melloras, ademais da redución do prazo de execución (para non interferir no funcionamento do centro escolar da zona), a retirada do peche vexetal que arrodea as piscinas municipais, colocando un novo cerramento que debe incluír a plantación de árbores.
“Con esta actuación, para a que asinamos un convenio ca Deputación o pasado mes de decembro, continuamos humanizando a nosa vila, cun entorno moito máis amable e que mellorará non só dende o punto de vista estético senón tamén a mobilidade e seguridade nesta zona que visitan a diario centos de persoas”, engade a alcaldesa e responsable municipal de Urbanismo, Paula Fernández Pena.