O Concello de Silleda, a través da súa Oficina de Vivenda, informa da apertura do prazo para solicitar as axudas do programa Fogar Vivo, impulsado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), destinado á adecuación e reparación de vivendas que se incorporen ao mercado do alugueiro a prezos accesibles.
O prazo para presentar solicitudes abriu este luns, 9 de marzo, e permanecerá activo ata o 3 de xuño de 2026, ou ata o esgotamento da partida orzamentaria prevista na convocatoria.
Estas axudas están dirixidas a persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas situadas en Galicia que desexen realizar obras de mellora, reparación ou adecuación para poder destinalas ao alugueiro. Entre as actuacións subvencionables inclúense intervencións para mellorar a habitabilidade da vivenda, como renovación de baños ou cociñas, melloras nas instalacións, carpintería, eficiencia enerxética ou outras actuacións necesarias para facilitar a súa posta no mercado.
Como condición, as vivendas deberán incorporarse ao programa e destinarse ao alugueiro a prezos accesibles durante un período mínimo de cinco anos no caso de persoas físicas, ou sete anos no caso de persoas xurídicas.
Desde o Concello de Silleda anímase ás persoas propietarias que teñan vivendas baleiras ou que precisen pequenas actuacións de mellora a informarse sobre esta liña de axudas, que busca facilitar o acceso á vivenda ao tempo que contribúe a mobilizar inmobles actualmente sen uso.
A Oficina de Vivenda do Concello está dispoñible para asesorar ás persoas interesadas sobre os requisitos da convocatoria e sobre o proceso de solicitude, así como para resolver dúbidas sobre a documentación necesaria.
As persoas interesadas poden solicitar información directamente nas dependencias municipais ou a través dos canais habituais do Concello.
