Silleda, 17 de marzo de 2016. A OMIX de Silleda informa sobre as convocatorias de campamentos de verán para nenos/as da Deputación de Pontevedra. Trátase do campamento da Lanzada, situado na localidade de San Vicente, en O Grove.
Este ano hai dúas modalidades de presentación de solicitudes, mediante formulario web, ou en formulario impreso. En ámbolos casos na Casa da Xuventude de Silleda facilitaranse os formularios aos usuarios/as e se tramitarán despois ante o organismo provincial.
O campamento de verán do Centro de Vacacións de A Lanzada (O Grove) está dirixido a rapaces/as nados entre os anos 2003 e 2008 (ambas datas incluídas), que residan na provincia. No caso de Silleda, hai un total de 25 prazas dispoñibles, e a maiores, 4 prazas para menores de familias en situación ou en risco de exclusión social. Para ter acceso a estas últimas deberase acudir aos Servizos Sociais do Concello, para que a traballadora social valore a posibilidade de poder participar nestas prazas gratuítas que oferta a Fundación La Caixa.
Haberá un total de 11 quendas, de unha semana cada unha (dende finais de xuño ata principios de setembro), e o prezo é de 83,60 euros por neno/a. Este ano os membros de familia numerosa, coa correspondente acreditación, terán un desconto do 20% no prezo. Contarán con xogos, deportes, actividades na praia e na natureza, artísticas e culturais, teatro, contacontos…
Todas aquelas persoas interesadas nestas convocatorias deben de presentar, ademais da folla de solicitude, o DNI do pai/nai/titor, DNI do menor (ou fotocopia do libro de familia, se non ten documento de identidade), certificado de empadroamento, tarxeta sanitaria do menor e libro de vacinas.
Na Casa da Xuventude de Silleda (986 580064) tramítanse as solicitudes e ademais se ofrece información sobre equipamento que deben levar os nenos/as, entre outros. O prazo para presentar as solicitudes rematará o vindeiro día 8 de abril.
Podense consultar as bases da convocatoria así coma outras informacións na páxina: http://www.depo.es/es/depo-aventura