Silleda, 13 de febreiro de 2019. O certamen Nas festas somos máis, convocado polo Concello de Silleda no marco da campaña de fomento do empadroamento, xa ten novos gañadores.
A Asociación Sociocultural de Cortegada, organizadora da Festa da Paella desta localidade alzouse co primeiro premio, dotado con 1.500 euros. O segundo galardón, con 1.000 euros, recaeu na Amigos da Empanada, que organiza a cita gastronómica e festas de Verán da Bandeira. O terceiro premio, con 500 euros, é a para o colectivo sociocultural Coto do Castelo de Graba, que organizou as festas de Santa Mariña e Santa María nesta localidade e que este ano recuperou a Festa do Mexilón e o Bolo Preñado.
A esta segunda edición concorreron un total de 4 celebracións. Así ademais das tres premiadas tamén participou a Festa dos Callos de Ansemil.
A festa de Cortegada xa se alzou co galardón na primeira edición, en 2017. O xurado destaca o esforzo realizado por todas as entidades participantes así como a orixinalidade das propostas.
Para o reparto dos premios, otorgouse unha puntuación en base aos catro criteiros recollidos nas bases do certame logo de valorar as memorias presentadas. Así valorouse a orixinalidade e calidade da campaña, en xeral a duración da campaña previa á festa; o número de posibles destinatarios e impacto da campaña tanto dentro como fóra do municipio; e a contratación de grupos, entre outros.
O xurado estivo composto, como establecían as bases, polo alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, a concelleira de Cultura e Turismo, Ana Luisa González, a técnica de Cultura, e representantes de dúas asociacións (a Asociación O Cruceiro de Breixa e Asociación Cultural O Lacón), así como pola responsable de prensa do Concello.
“Hai que destacar o enorme esforzo que fixeron todas as entidades participantes a través desta iniciativa”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.
O certame naceu en 2016 ao abeiro da campaña de empadroamento, co obxectivo de fomentar, ademais do empadroamento, a riqueza turística e paisaxística do municipio. O pasado ano duplicouse a contía dos premios, pasando dun único galardón de 1.500 euros a tres premios por un total de 3.000.
Os premios irán destinados a subvencionar os custes da festa ou evento que concorra ao certamen e non poderá empregarse o premio para a realización de outros actos realizados pola comisión ou organización, que non estean relacionados co evento principal.
O certame Nas festas somos mais forma parte da campaña que busca crear sinerxias para o fomento do empadroamento con actividades puntuais como outras como a promoción a través destas festas.