– Este venres 18 haberá un obradoiro de elaboración destes doces no local social da localidade, ademais de celebrarse a presentación da festa
Silleda, 17 de marzo de 2016. O vindeiro domingo de Pascua, a rosquilla volve a ser protagonista na parroquia silledense de Abades. A localidade festexa a edición número 30 desta celebración, na que se ven exaltando este doce típico. A cita organizada pola Asociación de Veciños A Costa, e a Asociación de Mulleres Rurais de Abades, volverá contar este ano cun obradoiro gastronómico de elaboración das típicas rosquillas de Abades, que se celebrará no local social da parroquia o este venres día 18 a partir das 17.00 horas. Este taller é gratuíto e está aberto a toda aquela persoa interesada no proceso de elaboración deste doce.
Ó remate do obradoiro, a partires das 22.00 horas terá lugar a presentación da festa, á que asistirán o alcalde e outros membros do goberno local.
O sábado 26 dará comezo a festa, coa verbena nocturna amenizada por Mariachi Deza, Meritxel, e o dúo Punto Zero, e xa o domingo, día grande, a cita comezará ás 11.00 horas co concerto da Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira, seguida da misa cantada polo Coro de Ponteledesma ás 12.30.
Trala misa terá lugar a ofrenda das rosquillas e a procesión, e volverá a celebrarse o tradicional concurso de bolos de rosquillas, con premios aos tres primeiros é tamén á orixinalidade. Tampouco faltará a subasta dos bolos. Do mesmo xeito, tamén haberá bolos á venda e o público poderá degustar os doces protagonistas.
Entrega de bolos, ata o sábado 26
Ao igual que en anos anteriores, os particulares e asociacións poderán colaborar nesta festa tradicional coa achega dun bolo de rosquillas que participará no concurso gastronómico. O último día para entregar os bolos será o sábado 26 de marzo, achegándoos ó local social da parroquia.