O domingo 20 de outubro, máis de 60 persoas participaron na última andaina do programa Goza do Ulla 2024, que puxo o broche final na parroquia silledense de Cira.
O percorrido, de 9 quilómetros, partiu das Illas de Gres, en Vila de Cruces, e continuou ata o alto de Castromouzo, en Cirela, descendendo despois ata Cira. Como novidade, as persoas participantes percorreron máis dun quilómetro pola beira do último tramo do río Deza, ata chegar á súa desembocadura na Xunta dos Ríos, un fermoso enclave da Rede Natura.
Dende o Concello de Silleda agradécese a participación e apoio da veciñanza a esta iniciativa, que dá a coñecer e pon en valor as terras bañadas polo río Ulla.