Silleda, 18 de xaneiro de 2013. O preludio do entroido en Silleda chega o vindeiro sábado día 2 de febreiro, coa parroquia de Lamela como protagonista. A primeira cita do entroido en Trasdeza está organizada pola mocidade de Lamela en colaboración co Concello, que a través da Concellaría de Cultura, está a pechar toda a programación para os vindeiros días.
O entroido en Lamela comezará co desfile de carrozas, comparsas e disfraces, previsto para as 16.30. A comitiva partirá dende Barrabaite, onde os que desexen participar no concurso deben apuntarse na carroza da organización. O desfile continuará pola estrada N-525 e rematará no campo da festa, onde ás 18.00 horas está prevista a celebración do Alto dos Xenerais. Esta será a primeira loita dialéctica do entroido na comarca dezana, onde pervive a ancestral tradición que comparten varios municipios da beira do Ulla.
Logo do encontro de correos e xenerais tampouco faltará o discurso do pregoeiro, que fará o habitual repaso crítico ao ano. Ás 22.30 horas comezará o baile de disfraces cunha discoteca móvil con música latina e dance a cargo dos DJ’s Jose Luis e Suso. Haberá premios ás mellores carrozas e disfraces que como é habitual se entregarán á medianoite.
Asociación Anxela
Eduardo Villar, un dos membros da comisión organizadora, explica que na parroquia a celebración do entroido vense celebrando de xeito ininterrumpido dende o ano 2005, logo de que un grupo de mozos e mozas decidirá recuperar unha festa que tiña en Lamela un dos principais destacamentos do entroido da Ulla.
“É por iso que decidimos crear unha asociación, que se constituirá formalmente en breve, para preservar tamén o Alto dos Xenerais, recuperando unha tradición que en Lamela tiña moita zona”, sinala Villar, que xunto con Alfredo Espiño, María José Fernández, Diego Figueiras, e Juan Fontao, entre outros, forma parte do grupo organizador. Avanzan que o colectivo se chamará Anxela (Asociación de Xenerais de Lamela).
O concelleiro de Cultura e Turismo, Matías R. Da Torre, que participou na presentación do programa de Lamela, eloxiou “o traballo da mocidade á hora de continuar con esta tradicional celebración, e a súa decidida aposta por manter un entroido propio, no que cada vez hai maior presenza dos Xenerais”, conclúe. Da Torre sinala que Lamela será a “primeira parada” no calendario do entroido de Trasdeza, que se presentará en datas vindeiras.
Tapas típicas do entroido
Ademais, durante o sábado día 2 os establecementos hostaleiros da parroquia ofertarán tapas con produtos típicos da festa do entroido, promocionando tamén a gastronomía entre o público asistente. Dende a organización, que tamén está a vender rifas a 1 € para o sorteo dun televisor LCD, agradecen os apoios recibidos para a celebración da festa.