A veciñanza pode c aportar as suas achegas cubrindo a enquisa que se atopa neste enlace (preme aquí)
O goberno municipal de Silleda continúa a avanzar no seu proxecto global de transformación urbana baixo o concepto do cinturón verde, co obxectivo de impulsar un modelo de mobilidade amable, sostible e segura. Esta mañá, a alcaldesa Paula Fernández Pena, acompañada do equipo de goberno e do autor do proxecto –en fase de redacción–, reuniuse este 16 de novembro con veciños e veciñas da Avenida do Parque e doutros puntos da vila para presentar os detalles do proxecto de remodelación da Praza da Igrexa e o seu entorno, así como do tramo correspondente á Avenida do Parque e a Rúa Santa Olaia.
Durante o encontro, explicáronse os materiais previstos para a obra, os novos espazos deseñados e as melloras planeadas. Detalláronse propostas como a creación dunha ampla zona verde con bancos integrados ao principio da avenida, a plantación de novas árbores de gran porte, a reubicación da parada de taxis para optimizar o espazo público, e a ampliación da área da praza mediante a demolición do peche do recinto eclesiástico, o que permitirá crear unha zona con chanzos tipo auditorio.
Ademais, informouse á veciñanza de que o proxecto forma parte dun plan global de urbanismo sostible coñecido como cinturón verde, que está conectando as principais rúas do casco urbano de Silleda cunha estética unificada e accesible. Este proxecto será presentado oficialmente o día 30 de novembro, consolidándose como unha das iniciativas máis ambiciosas do Concello. O resumo do proxecto pódese consultar na seguinte imaxe ou no arquivo en pdf que se atopa neste enlace
No encontro, o goberno local tamén entregou á veciñanza o código QR para acceder a enquisa dixital, permitindo que poidan participar mesmo aquelas persoas que non puideron asistir á reunión. Ademais, o avance do proxecto será publicado na web municipal, onde estará dispoñible a imaxe do plan e a enquisa en liña, para facilitar a consulta e a participación cidadá.
A resposta dos asistentes foi moi positiva, destacando a calidade e a visión de futuro do proxecto. A maioría das persoas asistentes valoraron o esforzo do goberno local por involucrar á cidadanía e agradeceron que o Concello optase a unha subvención de 700.000 euros do Plan Extraordinario de Investimentos da Deputación de Pontevedra, á que se sumarán 150.000 euros de recursos propios para facer realidade esta transformación.
Este proxecto, financiado na súa redacción a través do programa Ágora da Deputación, inclúe dúas zonas de actuación diferenciadas. Por un lado, o entorno da praza da igrexa e o primeiro tramo da rúa Santa Olaia, que se concible como un espazo público aberto pensado para o tránsito peonil, que incluirá melloras de accesibilidade, zonas verdes renovadas e un novo deseño urbano centrado na seguridade e o benestar.
E por outro o tramo restante da Avenida do Parque, dende o cruce ca Rúa Santa Olaia e Castros de Toiriz ata a Rúa Chousa Nova, unha zona de servizos que será transformada en plataforma única, seguindo a estética da Rúa Progreso, para mellorar a funcionalidade e a harmonía co resto do casco urbano.
A veciñanza poderá continuar participando a través da enquisa dispoñible para incorporar, se cabe novas propostas. Esta ferramenta busca coñecer a percepción cidadá sobre o proxecto e o impacto esperado, permitindo ao Concello recoller información para mellorar as súas planificacións urbanísticas.
Con estas accións, Silleda reforza o seu compromiso cun urbanismo sostible e colaborativo, contando coa implicación da cidadanía para construír un municipio máis accesible, verde e moderno.