Silleda, 22 de novembro de 2016.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, seguiu esta mañá en Silleda o seu percorrido por distintas obras que a institución provincial puxo en marcha ao abeiro do "Plan Concellos 2016". A Presidenta, acompañada polo alcalde da vila, Manuel Cuíña, visitou os traballos para o acondicionamento da rúa Lourás, en Bandeira. Esta obra, que recibiu un investimento de 66.573,92 €, consistiu, entre outras accións, na urbanización, muros de contención, mellora do alumeado (eficiencia enerxética), canalización de pluviais ou a dotación de servizos como unha senda peonil e un carril bici a cada lado.
Silva expresou a súa satisfacción ao comprobar que "os recursos que poñemos a disposición dos concellos, que é a nosa obriga, utilízanse para facer unha obra con estas características porque esta pensada para o uso das persoas". A Presidenta da Deputación anunciou, ademais, que "Silleda terá en 2017 máis financiamento do Plan concellos que este ano, haberá máis investimentos que en 2016. É unha cuestión de xustiza porque ata agora Silleda foi un concello abandonado pola Deputación de Pontevedra". Silva lembrou que "con Plan Concellos rachamos co modelo anterior, clientelar e caciquil, no que só investíase nos concellos do PP e Silleda foi un caso paradigmático. Este concello recibiu cero euros da libre disposición do anterior goberno e iso foi un escándalo, iso acabouse nesta provincia".
O alcalde, Manuel Cuíña, agradeceu ou esforzo da Deputación e a visita da presidenta. "Esta obra de Lourás é moi importante e o cambio vai ser espectacular. Agora, grazas ao Plan Concellos, podemos facer tantas obras como o resto dos concellos que nos rodean cousa que antes nunca ocorría. Mentíronnos durante moitos anos con compromisos que nunca se cumpriron. Agora si son realidades", dixo.
Silva e Cuíña tamén asistiron en Silleda á inauguración dunha xornada sobre a incidencia da violencia de xénero nas persoas menores de idade. A presidenta da Deputación apuntou que "a loita pola igualdade é unha prioridade para nos. Entre 2015 e 2016 xa van 108 mulleres asasinadas e aínda hai 10 casos en investigación. Para min é moi satisfactorio poder participar e quero felicitar ao concello porque se comprometeu a traballar para erradicar esta lacra".
A presidenta e o alcalde tamén mantiveron un encontro cos colectivos da Escola Municipal de Fútbol e do Silleda Clube de Fútbol no campo de fútbol do Outeiriño. "Queremos escoitar aos colectivos, apuntou Carmela Silva, porque o deporte, ademais, favorece a socialización e a saúde e todos os concellos deben ter capacidade para que a poboación teña dereito a un servizo básico. Por iso estamos facendo un esforzo inmenso. Este ano tamén imos aumentar o investimento en deportes e queremos escoitar as propostas dos colectivos porque plantexamos un proxecto de todos". Pola súa banda o alcalde adiantou que en 2017, grazas ao Plan Concellos, acometerán o cambio de céspede do campo de fútbol que usan máis de 150 nenos e nenas. "É unha auténtica necesidade porque xa empezamos a ter problemas serios de lesións e o ano que vén, co financiamento da Deputación, teremos eses 200.000 euros para poder facelo".
O esforzo inversor en Silleda
A Deputación de Pontevedra destinou a Silleda en 2016 preto de 1.150.000 €, isto é, un investimento de 130 € por habitante. Resalta o orzamento do "Plan Concellos 2016", que por valor de máis de 630.000 € supuxo un aumento de 181.000 € respecto ao ano anterior. A liña 1 do "Plan Concellos 2016" achegou 540.000 € á vila cos que se están a realizar melloras nos viarios, acondicionamentos de estradas, adquisición de distintos subministros e o acondicionamento da rúa visitada. Tamén na liña 4 se crearon 12postos de emprego nos servizos municipais, cun investimento total de 90.000 €, ademais de recibir sete bolseiros e bolseiras nos plans de práctica laboral tanto no Concello (dous) como no seu tecido empresarial (cinco), con outro investimento de preto de 68.000 euros.
Á marxe do "Plan Concellos 2016", Silleda tamén recibiu 82.900 € en políticas sociais, grazas aos 61.000 € aos servizos sociais comunitarios municipais, 8.000 € para axudas de emerxencias, 4.000 € aos servizos especializados e a que a súa veciñanza se beneficiou dos programas "DepoAventura A Lanzada", "Depo en Marcha" ou "Tecendo Lazos", entre outros. Ademais, a Deputación de Pontevedra investiu 13.000en Igualdadeentre o financiamento dun proxecto de fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero e o programa "Conectadas 2016". Do mesmo xeito, Silleda recibiu un investimento de máis de 42.500 € en culturaentre as actividades do "Ano Castelao", máis de 30 actuacións do "Pontegal" ou as axudas á rehabilitación do patrimonio histórico-cultural e á dinamización lingüística, unha aposta de máis de 8.000 € en deportes(entre a"DEPOrte Escola" de balonmán ou as axudas ao deporte federado de base),156.000 € destinados ao medio ambiente (grazas á achega de 150.000 € ao Patronato da Semana Verde e ao dedicado ao mantemento dos campos de fútbol), 8.800 € no eido do turismo e, por último, máis de 84.000 € investidos en mobilidade (entre obras de sinalización horizontal e o "Plan MOVESE").