Silleda, 26 de febreiro de 2018. Os veciños e propietarios da parroquia de Oleiros están convocados para o vindeiro xoves día 1 de marzo (ás 12:00 horas) a unha xuntanza sobre o proceso de concentración parcelaria.
Técnicos da Consellería de Medio Rural e do Concello de Silleda asistirán a este encontro para explicar cómo se levará a cabo o traballo e o calendario aproximado previsto.
A parcelaria de Oleiros, que afecta a máis de 500 hectáreas, está xa decretada polo goberno autonómico e a día de hoxe Medio Rural e xa conta con traballos previos realizados como a tramitación ambiental.
Dende o Concello de Silleda Manuel Cuiña agradece a Medio Rural a reactivación do proceso “que entendemos será moi beneficioso para o futuro e desenvolvemento desta localidade, a única deste municipio xunto con Refoxos que aínda non conta con parcelaria”.
Nos últimos días xa se colocaron avisos informativos na localidade.