Silleda, 22 de novembro de 2019. O Concello de Silleda arranca o vindeiro día 1 a programación de Nadal, coordinada dende a Concellería de Cultura, e na que figuran máis de 40 actividades para todas as idades e gustos.
O telón levantarase o vindeiro domingo día 1 co concerto de Santa Icía no auditorio Semana Verde (18:00 h), onde a Banda Municipal de Silleda contará ca presencia do prestixioso músico e compositor Óscar Navarro. O martes día 3, celébrase a actividade CoñeceNÓS, en colaboración co CRD Medelo-COGAMI. O xoves día 5 arrancará o Concurso de Escparates de Nadal, un clástico que chega á súa vixésimo edición e o venres día 6 procederase ao acendido do alumeado de Nadal.
No ámbito da dinamización do comercio, e ca proposta e organización do colectivo ECOS celebraránse tamén distintas actividades nas rúas de Silleda e da Bandeira, rematando o día da Cabalgata co gran sorteo de premios do sector comercio.
Así, tamén o día 6 ECOS dará a coñecer nun céntrico escaparate da vila os premios que se sortearán. O sábado 21 terá lugar a primeira actividade dinamizadora coa procura dunha árbore de Nadal polas rúas de Silleda e da Bandeira e no día de Noiteboa, un Papá Noel realizará a entrega de boletos tamén nas dúas vilas.
O 3 de xaneiro está previsto celebrar unha ximcana con mensaxe secreta tamén a cargo de ECOS. Os comercios tamén recibirán os adhesivos con orixinais propostas do alumnado a través do programa muncipal Silleda Agasalla.
Na primeira fin de semana, as actividades deportivas arrancarán co I Torneo Solidario de Pádel, organizado por Deza Pádel, e que se disputará nas instalacións de FM Sport, (polígono Área 33) dende o xoves 5 ata o sábado día 7. Tamén o venres 20 volta o torneo de tenis de mesa á Casa da Xuventude.
As actividades deportivas continuarán o día 26 de decembro, cun adestramento aberto e un partido de exhibición de fútbol gaélico en Silleda; o torneo solidario de fútbol biberón da Escola de Fútbol de Silleda o domingo 29 e a a carreira de San Silvestre e San Silvestriño, o día 31, na que tamén participará O Apalpador.
Os mais cativos poderán disfrutar de distintos obradoiros tanto nas dependencias da Casa da Xuventude, en Silleda, coma no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira.
Así os obradoiros arrancarán na semana do 9 de decembro, con elaboración de adornos de Nadal, abetos, axendas, ou un de repostería infantil que se celebrará nos dous centros.
En Vista Alegre tampouco faltará a exposición de postais e o nacemento, a demostración gastronómica (o 19 de decembro) ou un obradoiro de adornos para o público adulto.
A arte terá tamén o seu oco no programa de Nadal. Así o día 12 celebrarase na Casa da Cultura unha sesión organizada polo Club Faro de Vigo e a Deputación de Pontevedra que baixo o lema “A historia da cultura contemporánea escríbese con nosoutras, as mulleres artistas”, reunirá a coñecidos rostros femininos que analizarán o papel da muller na arte.
Así mesmo, tamén se exporá ao público durante o Nadal a mostra de arte sacro nas parroquias de Silleda elaborada polo alumnado do Colexio Plurilíngüe María Inmaculada, que vén de gañar o premio Antón Fraguas e que está nestes momentos amosándose no Museo do Pobo Galego.
Festa da patrona en Silleda e citas musicais
Na primeira fin de semana, o sábado 7 celebrarase en Silleda a Festa da Patrona, na honra de Santa Eulalia, nunha xornada que terá lugar baixo unha carpa na praza da Igrexa, con distintas actuacións musicais e degustación, organizada pola Comisión de Festas de Verán de Silleda. Tamén o sábado 22 os veciños de Parada celebrarán a festividade do San Tomé.
A música terá de novo un papel destacado. Ademais das audicións de Nadal da Escola de Música Municipal (o día 15 no auditorio da Semana Verde e os días 20 e 21 no auditorio Manuel Dopazo), non faltarán o festival de Panxoliñas da Coral Polifónica Trasdeza (sábado 21); o festival de Nadal da Banda Municipal de Silleda (sábado 28) ou o concerto de Aninovo o 4 de xaneiro na Bandeira, con todas as formacións da localidade (Banda Recreativa e Cultural, Coro Vales Mahía, Fortín da Pomba e Xirandola).
Nas actuacións para o público infantil destaca tamén o espectáculo de Viravota Títeres, o domingo 22, con “A Maleta de Don Attilio” (praza da Igrexa de Silleda); contactontos na Biblioteca ou a Festa Infantil de Fin de ano, ( venres 27 na Casa da Xuventude) con merenda e cotillón incluidos.
Os maiores de Silleda tamén celebrarán o súa tradicional xuntanza no restaurante Coteliño (xoves 19) e un ano máis anticiparánse ás uvas de noitevella cun ensaio de fin de ano o venres 27.
Máis cita solidarias e Vive o Camiño
Ademais dos torneos solidarios, dende Cáritas Silleda tamén se organiza do 20 ao 22 o Mercadiño Dulce Nadal, que este ano se traslada ao salón parroquial. Tamén dende o departamento de Benestar Social se segue a coordinar a campaña Un agasallo, un sorriso, coa recollida de xoguetes.
Tamén o domingo 29 o programa Vive o camiño terá a Silleda como protagonista, cunha completa xornada que inclue un roteiro, obradoiros e un show cooking coa exaltación de produtos locais.
As cabalgatas de Papá Noel na Bandeira o día 25 e a de Reis polas rúas de Silleda o 5 de xaneiro (que rematará no pavillón de Deportes da localidade) serán outras das grandes citas do programa de Nadal nas que se continúa a traballar dende o Concello de Silleda.
Nos vindeiros días irase dando conta de xeito detallado de todas as actividades, que hoxe foron presentadas no Concello por membros do goberno municipal e dalgúns dos colectivos que participan no programa. “Queremos agradecer a todas as asociacións e entidades colaboradoras a súa implicación con este programa de Nadal, no que figuran actividades para todos os públicos”, indica a concelleira de Cultura, Mónica González.