-Unha sesión informativa sobre Nadal libre de estereotipos de xénero abre o calendario, con actuacións musicais, teatro, animación de rúa e actividades deportivas, entre outros
-Volve a Carreira de San Silvestre, a Xuntanza de Nadal de Maiores, a Festa de Fin de ano infantil e a Cabalgata dos Reis Magos entre outros
Silleda, 26 de novembro de 2022. O Nadal volta a Silleda de novo cunha variada programación para todos os públicos que arrancará o vindeiro día 1 cunha interesante sesión informativa sobre os estereotipos de xénero na campaña de Nadal, que terá lugar na Casa da Xuventude ás 19:30 horas, que impartirá Paula Rivela, de Sororas.
Música, teatro, baile tradicional, animación de rúa e os xa tradicionais desfiles de Papá Noel e os Reis Magos, centran a programación en Silleda, con máis de 30 actividades ata o 7 de xaneiro.
No ámbito musical, o sábado día 3 terá lugar no auditorio da Semana Verde o concerto pre-certame da Banda Xuvenil de Silleda, que actuará ao día seguinte (domingo 4) no certame de Celanova.
O domingo 11 de decembro tamén se celebrará no auditorio Manuel Dopazo o concerto do grupo de metáis Ulla Deza Brass Band (20:00 horas) e o sábado 17 a Coral Polifónica Trasdeza ofrecerá o seu tradicional concerto de Nadal na igrexa de Santa Eulalia, ao remate da misa de tarde, O domingo 18 terá lugar tamén no auditoiro da Semana Verde o Festival de Nadal da Escola de Música, ás 17:30 horas.
Tampouco faltarán outros dous clásicos do programa: o XXII Concerto de Nadal da Banda de Música Municipal de Silleda, -que terá lugar o venres 30 no pavillón 1 da Semana Verde- e o concerto de Ano Novo na Bandeira, que pechará o programa o sábado 7 de xaneiro ca Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, Xirandola e o Coro Vales Mahía.
Teatro, aniversario de Festibandeira cos Bolechas e estrea en baile tradicional
O teatro tamén formará parte da programación de Nadal. O sábado 10 a compañía Teatro da Ramboia representará no auditorio Dopazo a obra “O meu mundo non é deste reino”, no marco do programa Tornar ás Táboas, da Deputación de Pontevedra.
A compañía silledense A Cova das Letras tamén estará no programa con dúas propostas: Son no berce, con doble función o luns 26 de decembro para crianzas de 0 a 3 anos no Centro Cultural Vista Alegre. E o 3 de xaneiro representarán a obra A Alquimista na Casa da Xuventude de Silleda (18:00 horas).
O colectivo Festibandeira celebrará tamén o sábado 17 de decembro o seu primeiro ano de vida cunha festa no pavillón polideportivo da Bandeira. Ás 18:00 horas a familia Bolechas estará na localidade para desfrutar cas familias asistentes. Pola noite celebrarase un concerto con Marela, Kona ke te fixo, Sagafuga, Killo Karallo e DJ De-Mo .
Tamén no marco da programación o martes 6 de decembro terá lugar a estrea no auditorio Manuel Dopazo do espectáculo “Carlos da Quintela. A máis grande historia dun gaiteiro que nunca a gaita tocou”, con Xirandola e A Carballeira de Cercio, ás 19:30 h.
Animación de rúa e obradoiros para todas as idades
A animación nas rúas tampouco faltará nas vísperas das datas máis sinaladas. Así, o venres 23 de decembro o circo Krasnobarak percorrerá as principais rúas de Silleda a partir das 17:30. Tamén na mesma xornada Papá Noel estará visitando os establecementos das localidades de Silleda e da Bandeira, durante todo o día.
A animación voltará o día 4 de xaneiro co Séquito Branco do carteiro Real, tamén a partir das 17:30.
O Apalpador visitará tamén o municipio na xornada do 29 de decembro.
O programa inclue obradoiros para todas as idades. Así o público máis novo terá dúas citas na Casa da Xuventude, o 15 de decembro para a confección de árbores de Nadal con goma eva, e o 27, para aprender a facer gnomos con lá.
No plano da decoración, o Centro Cultural Vista Alegre inaugura o venres 9 de decembro a súa proposta, e o venres 16 acollerá unha demostración gastronómica de Nadal.
No centro social dos maiores celebraránse outros dous: o luns 12 de decembro ca confección de centros de Mesa de Nadal, en colaboración con Floristería Carmiña, e o martes 20 de decembro, ca elaboración de xabóns artesanais. A Xuntanza de Nadal para os maiores volta o día 21, cun xantar e sesión baile no restaurante Coteliño ás 14:00 horas.
Festas de Fin de Ano
Tamén volta a festa infantil de fin de ano, con animación e cotillón, que terá lugar o xoves 29 no pavillón municipal César G. Fares. Ese mesmo día no restaurante Coteliño, os maiores participarán tamén no restaurante Coteliño no Ensaio de noite vella.
Desfile de Papa Noel, San Silvestre e Cabalgata
O programa deste Nadal en Silleda inclué tres das citas máis concorridas: o desfile de Papa Noel na Bandeira, que rematará cunha recepción no Centro Cultural Vista Alegre, a carreira de San Silvestre que despide o ano o 31 de decembro, e a cabalgata de Reis, que volta o 5 de xaneiro ás rúas da capital municipal.
Tamén están previstas actividades como unha xincana polas rúas de Silleda o día 2 de xaneiro, xogos populares, e un torneo de fútbol o 6 de xaneiro no campo de Agronovo, en Laro, organizado por José García.
Non faltarán os sorteos de premios do colectivo ECOS, que organiza tamén dúas xornadas de xoves de churros en distintas cafeterías, a campaña do calendario de Advento e actividades como a Ludoteca de Nadal.
Colocación da decoración que chega a todas as parroquias
Por outra banda, a partir deste luns está previsto que comecen a colocarse os elementos decorativos nas rúas e prazas de Silleda e da Bandeira, así como árbores en todas as parroquias do municipio, no marco da novidosa inciativa que o Concello de Silleda leva a cabo co Centro de Recursos que Cogami ten en Medelo.
O alcalde, Manuel Cuiña, visitou o centro no que se levan semanas traballando en distintas propostas decorativas, con madeiras e materiais de refugallo para unha decoración distinta que aposta pola sustentabilidade prescindido do consumo de enerxía eléctrica.
Tamén volta este ano o certame de decoración Silleda Fai Nadal, que chega á súa terceira edición e que mantén o prazo de participación aberto ata o vindeiro mércores día 30, con máis de 3.000 euros en premios.
Tamén se está a ultimar outro concurso en relación á decoración no rural, a fin de poñen en valor as 33 parroquias silledenses.
Dende o Concello de Silleda irase dando conta de xeito detallado de todas e cada una das máis de 30 actividades propostas para disfrutar do Nadal.