-Os Xenerais da Ulla abren en Lamela o sábado 19 as celebracións que volverán contar con desfile, concurso e Alto nas rúas da Bandeira, onde se reactiva a asociación dos Xenerais, e aninación e festa infantil en Silleda. O Concello agradece a participación dos dous colectivos de xenerais e de ECOS na organización do programa
Silleda, 11 de febreiro de 2022. A celebración do Entroido volta ao municipio de Silleda nas vindeiras semanas despois dun ano de silencio por culpa da pandemia.
A programación contará este ano con distintas celebracións nas que que non faltarán actividades musicais, gastronómicas, desfile e concurso de disfraces, e por suposto a tradición dos Xenerais da Ulla, con tropas que se siguen mantendo nas localidades da Bandeira e Lamela, unha celebración declarada de Interese Turístico.
A primeira das citas será o sábado 19 en Lamela, onde a asociación Anxela organiza o Alto dos Xenerais no campo da festa e onde non faltarán os tradicionais “vivas”, co percorrido das tropas dende Barravaite a partir das 16:30 horas.
Na fin de semana do Entroido, o venres 25 a música de charanga animará as rúas de Silleda e da Bandeira. Na vila da capital municipal, será a agrupación “Ardores” a encargada de animar as rúas á noitiña no arranque da iniciativa “Carnabares”, que retoma o colectivo ECOS en colaboración co Concello de Silleda.
Concurso nos CarnaBares
Dende o venres e ata o martes de Entroido os locais de hostalería servirán tapas típicas de entroido tanto en Silleda como na Bandeira. Ademais, con CarnaBares actívase un concurso de disfraces que repartirá máis de 1.100 euros en premios consistentes en vales para mercar no comercio e a hostalería local e que se extenderá durante todos os días de Entroido.
Para participar neste concurso o público debe facer unha fotografía nos establecementos que participan en “Carnabares” e subila a Instagram etiquetando a @ecosilleda. Os premios concederanse ás propostas que reciban máis votos do público.
Na categoría de grupo haberá un primeiro premio de 500 euros, un segundo de 300 e un terceiro que consiste nunha cesta con “Caprichos de entroido”. Na individual serán de 250 euros e 100, respectivamente e o terceiro consistirá noutra cesta de produtos.
Os vales de compras deste certame de disfraces están outorgados polo Concello de Silleda, a través da Concellería de Comercio.
Na Bandeira o venres será día de “Vellada” arrancando a programación organizada pola Asociación de Xenerais do Entroido que se reactiva despois de varios anos con nova directiva ao fronte.
Nesta xornada a charanga da mocidade da Bandeira amenizará a velada onde os bares servirán tapas típicas e onde se anima á xente a acudir disfrazados de “vellos e vellas”.
Xigantes e cabezudos, premios e DJ
O sábado 26 será o día grande na Bandeira, arrancando co desfile de Xigantes e Cabezudos pola vila dende o Centro Cultural Vista Alegre (a partir das 11:00 horas). O programa complétase co inicio do desfile e concurso dende a praza Vales Mahía ás 16:00 horas (as inscricións comezarán alí ás 15:54). As comparsas, carrozas e outros grupos que participen desfilarán pola rúa Ramón de Valenzuela e rúa Xeral, detrás dos Xenerais a cabalo dando os vivas
O percorrido rematará na praza de Juan Salgueiro onde ás 17:30 terá lugar o Alto Infantil a cargo do CEIP Ramón de Valenzuela, ao que sucederá despois o Alto dos Xenerais enfrontando ás tropas da Bandeira e Manduas.
A xornada rematará cunha festa na propia praza amenizada polo DJ David Expósito de Radio Líder, que se extenderá ata as 01:00 horas. Durante a velada entregaránse tamén os premios do concurso. Na categoría de Carrozas e Comparsas haberá un primeiro premio de 500 euros donado por Frigoríficos Bandeira e Ortopedia Silva; un segundo de 300 euros (de Bar Arume e Óptica Silva) e un terceiro de 200 euros (no que colaboran Mercamella, Clínica Marta Macías, Bar Atly e Carpintería Daniel Rodríguez). Na categoría Individual (de 1 a 3 persoas) os premios son de 150 euros para o primeiro (de Almacenes Couto, Televídeo Bandeira e Bar Trécola); un segundo premio que consiste nunha tatuaxe valorada en 100 euros a cargo de AV Tatoo; e un terceiro, que será unha noite con cea para dúas persoas no Hotel Nordés de Burela.
Este ano estrena tamén a categoría de individual infantil (ata 12 anos); cun primeiro premio de 60 euros (outorgado por Pescadería Áncora e Pastelería Arco da Vella) e un segundo de 30 euros donado por Peluquería Esther.
En todos os actos se solicita a colaboración do público para manter as distancias e se recomenda o uso de máscara.
Martes de Entroido en Silleda
O luns de entroido volta a tradicional festa infantil ao Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, a partir das 17:00 horas.
A programación do Entroido no municipio de Silleda rematará o martes de Entroido, día 1 de marzo, cunha festa infantil organizada polo Concello que se celebrará no pavillón municipal César G. Fares de Silleda, de 17:00 a 19:00 horas, con xogos, cotillón e photocall, entre outras actividades.
Dende o Concello de Silleda, que colabora con todas as actividades, as responsables de Cultura e Comercio, Mónica González e Pili Peón, destacano traballo realizado polos colectivos que participan na organización deste programa, “e que veñen traballando nos últimos anos pola recuperación e mantemento das nosas tradicións con apoio do Concello”, engade, ademais de agradecer a colaboración de empresas patrocinadoras, colaboradores e dos colectivos que organizan (Asociación Xenerais de Lamela, Asociación dos Xenerais da Bandeira e ECOS).