Silleda, 7 de febreiro de 2020. A celebración do Entroido volve ao municipio de Silleda nas vindeiras semanas. A programación contará este ano con distintas celebracións nas que que non faltarán actividades musicais, gastronómicas, desfile e concurso de disfraces, e por suposto a tradición dos Xenerais da Ulla, con tropas que se siguen mantendo nas localidades da Bandeira e Lamela.
A Asociación de Veciños A Costa de Abades organiza mañá sábado un xantar de entroido, con cocido, filloas… e pola noite un baile de disfraces.
O sábado día 15 a parroquia de Lamela abre as celebracións do Entroido da Ulla no municipio. Haberá desfile dende Barravaite e ás 18:00 horas está previsto o Alto dos Xenerais e pregón no campo da festa. A xornada, organizada pola Asociación de Xenerais de Lamela (Anxela) rematará cunha cea-baile amenizada por Pachi Show. Tamén o sábado día 15 no auditorio Manuel Dopazo o alumnado da Escola Municipal de Música, do centro da Bandeira, celebrará a audición do entroido ao mediodía.
A fin de semana grande do entroido chega cargada de actividades tanto na Bandeira coma en Silleda. Así, na Bandeira haberá vellada polos bares e a animación dunha charanga na noite do venres 21. Tamén o venres o Centro Sociais dos Maiores celebrará o seu xa tradicional Xantar de Entroido, con baile amenizado por Punto Zero e sorteos varios no restaurante Coteliño (14:00 horas).
O sábado 22 será o día grande na Bandeira, que este ano conta cunha programación organizada dende a Asociación de Amigos da Empanada. Ás 16:00 horas arrancará o desfile dende a rúa do Deporte, coas máscaras e parrandas que participarán no concurso acompañando aos Xenerais.
Na praza da Feira o Alto dos Xenerais arrancará coa sesión infantil a cargo do alumnado do CEIP Ramón de Valenzuela e pola noite, a partir das 23:00 horas terá lugar o baile de disfraces no pavillón a cargo de Trío Formas, Dúo Nueva Era e DJ Troula onde se entregarán os premios aos mellores disfraces nas distintas categorías ( comparasas e carrozas, individuais e charangas).
Tamén o sábado de entroido en Silleda terá lugar unha xornada organizada pola Banda de Música Municipal. A cita será pola noite na praza Juan Salgueiro, onde se celebrará o concerto “Clásicos á galega” (20:00 horas), no que a formación acompañará a Suso Vaamonde. Ao remate celebrarse unha cea e a sobremesa estará a cargo do Dúo Media Luna, con sorteos entre os asistentes.
O domingo de Entroido Silleda volve celebrar ao igual que o pasado ano o desfile e concurso de disfraces, organizado por varios colectivos da vila (Ecos, Banda de Música Municipal, Asociación Cultural O Lacón e Escola de Fútbol de Silleda) en colaboración co Concello. O desfile partirá ás 17:00 horas dende a Casa da Cultura percorrendo a rúa Progreso, Avenida do Parque, Santa Eulalia e Venezuela para rematar na praza de Juan Salgueiro onde se realizará a entrega dos premios e amenizará a tarde o Dúo Acuarela.
O luns de entroido, 24 de febreiro, a Asociación Cultural Vista Alegre acolle outro clásico destas datas: a festa infantil de disfraces, con animación a partir das 17:00 horas.
O martes de entroido os máis pequenos tamén serán protagonistas en Silleda, ca festa organizada dende o colectivo do comercio ECOS na praza de Juan Salgueiro (en caso de choiva será na Casa da Xuventude).
Remate o día 29, con Ruada e cita en Laro
A programación de Entroido no municipio silledense prolongarase ata o sábado 29 de febreiro. Así, nesta xornada ás 21:00 horas dará comezo a segunda edición da Ruada de Entroido organizada pola Asociación Fortín da Pomba no entorno da praza da Feira da Bandeira, na que se agarda a participación de distintos grupos.
Na parroquia de Laro, a Asociación de Veciños desta localidade tamén organzia neste Sábado de Piñata, unha festa no Centro Social, con animación a partir das 16:30, desfile de máscaras , chocolatada e sorteos entre outros.
Dende a Concellería de Cultura Mónica González destaca o traballo realizado polos distintos colectivos que participan na organización deste programa, “ e que veñen traballando nos últimos anos pola recuperación e mantemento das nosas tradicións con apoio do Concello”, engade, ademais de agradecer a colaboración de empresas patrocinadoras, colaboradores e dos colectivos que organizan.