-O servizo comezou a prestarse esta noite, logo de que o Concello repuxera o cableado roubado nos últimos tempos
Silleda, 14 de abril de 2016. O Concello de Silleda ven de acender esta mesma noite o alumeado na recta de A Mera, despois de que en pasadas semanas se arranxaran as farolas, repoñendo máis de 2.000 metros de cable roubado en anos pasados.
Este arranxo supuxo un gasto importante, de máis de 10.000 euros, e tamén un traballo dificultoso, xa que foi preciso retirar tódalas farolas para insertar o cableado novo, e despois volver a colocalas.
Coa alta deste servizo ven a darse resposta a unha das demandas dos veciños, pois esta é unha zona onde é frecuente ver á xente paseando ou practicando deporte.
Outro dos puntos afectados polos roubos de cable é A Bandeira, concretamente na rúa Chousa Nova, onde se retrasou a chegada do alumeado público logo da falta do cableado en setembro do 2012. En estes días, técnicos municipais están a visitar a zona para revisar as farolas e facer os cálculos do material necesario para proceder ó arranxo das mesmas.
En ámbolos dous puntos, o servizo de alumeado ven con retraso, debido primeiro ós problemas coas altas da empresa Hidroeléctrica e logo polos casos de roubo de cobre.