Silleda, 15 de decembro de 2015. O Concello de Silleda continua apostando pola mellora e o aforro enerxético no alumeado público. Así, e logo da renovación en varias rúas do casco urbano de Silleda, o seguinte proxecto terá como escenario a rúa Ramón de Valenzuela da Bandeira, un dos tramos máis céntricos e poboados da localidade.
A Xunta de Goberno Local adxudicou os traballos a Abrente Enerxía, logo de abrir un proceso de licitación por procedimiento negociado solicitando varias ofertas.
A máis vantaxosa foi a presentada por esta firma, cun orzamento de 30.682,95 euros.
Os traballos está previsto que comecen xa nesta semana coa renovación de 14 luminarias desta rúa da Bandeira, cun sistema de alumeado que mellorará a calidade lumínica na zona e ao mesmo tempo permitirá conseguir un maior aforro no consumo de enerxía.
Esta actuación chega logo de recibir por parte da Deputación de Pontevedra unha subvención de 31.000 euros para acometer esta mellora no servizo.
“Grazas a esta subvención poderemos continuar mellorando un servizo básico á cidadanía, logo de renovar as luminarias no centro da capital municipal”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
O rexedor lembra que xa na pasada lexislatura a mellora no alumeado público, “sempre co aforro de gasto público no punto de mira”, centrou un dos esforzos inversores no tocante aos servizos públicos.
Para o vindeiro ano, o Concello de Silleda recolle nos orzamentos municipais unha partida de 110.000 euros para acometer diversas actuacións de mellora de eficiencia enerxética con distintos proxectos.
“As políticas de aforro nos servizos públicos están a dar os seus froitos”, explica o alcalde, incidindo en que os resultados da reducción no gasto “permitiron a este Concello contar con máis fondos propios nos últimos anos”.