Silleda, 23 de marzo de 2018. A parroquia silledense de Abades celebrará o vindeiro día 1 de abril, domingo de Pascua, unha nova edición da Romaría da Rosquilla. Esta festa cumple xa 32 anos como un dos referentes da gastronomía do municipio. Para abrir boca, a comisión organizadora –da man da Asociación de Veciños A Costa e a Asociación de Mulleres Rurais de Abades- celebra mañá sábado a partir das 16:00 horas un obradoiro de elaboración de rosquillas gratuito no que se amosará a todas as persoas que o desexen cómo elaborar este afamado postre.
A 32 edición da festa foi presentada hoxe polos membros da organización nun acto que contou coa asistencia do alcalde, Manuel Cuiña, o deputado provincial David Regades, e membros do grupo de goberno municipal.
A festa comezará co pasarrúas a cargo da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira e ás 11:30 terá lugar a misa, cantada polo Coro de Ponteledesma. Despois, sobre as 12:45 horas, dará comezo a degustación, entrega de premios (tres premios ás máis sabedeiras e un ó bolo máis orixinal) e a xa tradicional subasta dos bolos de rosquillas, que nos últimos anos veñen destacando polas orixinais creacións dos autores e colectivos que presentan os seus postres.
Tamén haberá degustación e venda de bolos para todos aqueles que o desexen. O concerto da Banda da Bandeira e do grupo de música tradicional Ghazafellos completará a xornada matinal. Pola tarde actuará o Dúo Punto Zero.
Haberá unha carpa con canon de calor onde se celebrará o xantar servido pola Pulpería Crisóstimo. As persoas que desexen xantar poden facer reserva (cun menú de pulpo, churrasco, postre e facer cun precio de 22 euros) chamando aos teléfonos 629256584; 610580344 ou á Pulperia Crisóstimo 986 589342.
O alcalde, Manuel Cuiña, destacou o traballo realizado polos veciños e veciñas de Abades “que ano a ano seguen esforzándose por manter unha das tradicións gastronómicas con máis historia do noso municipio”. Pola súa banda, dende a organización os veciños e veciñas de Abades agradeceron a colaboración do Concello de Silleda coa celebración na que se agarda de novo seguir batendo récords de participación.