Dende o Concello xa se colocaron bandos informativos cos tramos afectados polas restricións para garantir a seguridade na celebración das festas
Con motivo da celebración das Festas de Verán de Silleda, que se celebrarán durante a fin de semana, este mércores 3 de xullo procederase ao corte de diferentes rúas.
Así, xa dende mañá xoves ás 15:00 horas e ata a madrugada do luns, quedará pechada ao tráfico a rúa Pintor Colmeiro, onde xa están instalados os postos e atraccións e onde se celebrarán as verbenas. Para garantir a seguridade nesta zona, tamén se pecharán durante toda a fin de semana ao tráfico as rúas Venezuela e Alonso Paz, a partir das 22:00 horas.
As rúas Antón Alonso Ríos, Cartaxena e Castrelo permanecerán así mesmo pechadas dende o venres á tarde, para a celebración da Festa do Lacón; o sábado dende as 11:00 horas, con motivo da exposición de tractores do Museo do Campo, e o domingo pola tarde para a celebración do concerto das bandas.
Tamén a rúa Progreso se verá afectada, co peche ao tráfico polas tardes para o desenvolvemento de distintas actividades. Por último, a avenida do Parque pecharase o domingo para o concerto que haberá despois das bandas e pola tarde para o espectáculo familiar de Pakolas na praza da Igrexa.