A Ruta de Clásicos Populares do Baixo Miño recala a vindeira fin de semana en Silleda

 

Silleda, 24 de abril de 2013. A ruta do clube de vehículos antigos Clásicos Populares Baixo Miño, realizará a vindeira fin de semana a cuarta edición da súa saída cultural, que nesta ocasión discorrerá por terras do Deza e Lemos. Así, na xornada do sábado día 27 logo de partir de Vilaboa (Pontevedra) e pasar pola fervenza de Barosa (Barro) e o pazo de Oca, a ruta chegará ata o municipio de Silleda. A comitiva, formada por preto de 30 vehículos antigos, pasará pola Bandeira en dirección ás Fervenzas do Toxa, un dos paraxes que visitarán os participantes nesta ruta.

O percorrido continuará ata Silleda, onde os vehículos estarán expostos na rúa Santa Eulalia. Está previsto que cheguen á localidade sobre as 17.00 horas. Alí os participantes será recibidos polo concelleiro de Turismo, Klaus Brey, e pola alcaldesa, Paula Fernández Pena. Por este motivo, a circulación quedará pechada neste tramo o sábado pola tarde. Tamén está previsto que os condutores degusten un dos embaixadores de Silleda, o lacón, que servirá a Asociación Cultural do municipio que leva o nome deste plato,  antes de partir cara a Monforte.

“Trátase dunha boa oportunidade para dar a coñecer Silleda aos membros deste clube, que veñen realizando distintos itinerarios de corte turístico e cultural”, sinala o concelleiro de Turismo Klaus Brey.