Silleda, 8 de novembro de 2014. A Sociedade Deportiva de Caza, Pesca e Tiro de Silleda promove, en colaboración co Concello, un proxecto para o fomento da pesca en distintos ámbitos que tería como base a lagoa artificial do recinto feiral Semana Verde, situada preto dos pavillóns de Gandeiría.
A entidade, que preside Jesús Pérez Caramés, presentou o proxecto no Concello ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Administración Local e a fundación feiral para o uso das súas instalacións a cambio de tarefas de mantemento.
Esta iniciativa busca a dinamización desde varios frentes. Así, segundo explica o presidente da S.D. ademais de fomentar un escola base promovendo a práctica deste deporte entre os máis novos, tamén se pretende facilitar a persoas con algún tipo de discapacidade o acceso a esta práctica. Do mesmo xeito, os profesionais tamén terían nestas instalaciónns unha zona para entrenar fóra da tempada de pesca.
“Ademais dun carácter lúdico o proxecto tamén ten unha dimensión didáctica. Así haberá contacto cos centros educativos para realizar sesións didácticas que incluirán aspectos relacionados co medio ambiente e a vida nos ríos”, explica Jesús Caramés advertindo que o proxecto será de ámbito autonómico.
O presidente da entidade tamén agradece o apoio do Concello, “que dende o primeiro momento apostou por esta iniciativa con total disposición”, engade.
Tamén sinala que o proxecto está aberto tanto a socios da entidade como a todo o público en xeral, “achegando os valores da pesca e difundindo esta modalidade entre a poboación”, sinala, sobre un proxecto tamén con carácter integrador, ao achegar esta práctica a persoas con discapacidade “ou que non poidan acceder a zonas de río” e que permitiría desestacionalizar este deporte ofrecendo aos pescadores un lugar no que realizar prácticas fóra da tempada.
Á espera da decisión da Semana Verde
A día de hoxe o proxecto está á espera da autorización por parte da Fundación Semana Verde para crear . “Esta é a primeira opción, pero no caso de non poder realizarse alí buscaríamos outros emprazamentos”, explica o alcalde Manuel Cuíña, que eloxia a proposta da Sociedade Deportiva de Caza, Pesca e Tiro de Silleda, “xa que en definitiva é un proxecto que busca dinamizar a sociedade e que será único para toda Galicia”, comenta.
Cuiña agarda que dende a Fundación se aposte tamén por esta iniciativa “que ao mesmo tempo servirá para dotar de contidos as instalacións feirais, revitalizando este recinto con esta nova actividade”, engade, destacando o total respaldo e colaboración do Concello de Silleda con este proxecto “que cremos interesante e beneficioso para o conxunto da sociedade”.