A alcaldesa, Paula Fernández, confirma que se realizarán actuacións nas vindeiras semanas tanto nesta parcela como no seu entorno para mellorar a estética da zona e ofrecer novos servizos á cidadanía
O acordo de cesión de uso temporal é prorrogable por anualidades
O Concello de Silleda vén de asinar un acordo coa Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB), que cede temporalmente o uso dun solar no Barrio do Campo. Este área, composto por cinco parcelas situadas nun dos barrios de entrada da vila, será destinado a mellorar os servizos públicos da zona.
A alcaldesa e responsable da área de xestión urbana, Paula Fernández Pena, formalizou o acordo coa SAREB, que permitirá ao Concello utilizar estes terreos para habilitar un estacionamento público e unha zona axardinada. Esta iniciativa non só ofrecerá novas facilidades para o estacionamento, senón que tamén contribuirá ao adecentamento dunha zona céntrica e de gran afluencia.
“Nas vindeiras semanas, e aproveitando tamén o seguinte turno de uso das máquinas da Mancomunidade Terras do Deza, vanse acometer actuacións tanto no vial que rodea o terreo, entre a rúa Xeral en plena N-525 e a rúa Carballeira do Chousiño, como nestas parcelas”, indica a alcaldesa.
As parcelas están situadas na parte posterior ao lavadoiro do Barrio do Campo, lindando coa estrada nacional e a rúa Carballeira do Chousiño.
Dende o Concello de Silleda agradécese á SAREB esta cesión, así como as xestións conxuntas que ambas as dúas entidades están a desenvolver. Nos últimos días, a alcaldesa mantivo un encontro cos responsables da sociedade para tratar a cesión destes terreos e outras cuestións relativas á vivenda no municipio. Proximamente anunciaranse importantes avances froito destas negociacións.