Silleda, 2 de decembro de 2013. O vindeiro domingo día 15 de decembro celebrarase no establecemento rural Casa Grande de Fuentemayor, na parroquia silledense de Cortegada, a terceira edición da Comida e Poxa Benéfica a favor dos nenos e nenas de Silleda, baixo o lema “A ilusión dun xoguete novo”.
Esta iniciativa foi impulsada con éxito por tres veciñas de Silleda: Conchi Cochón, Isabel Ferreiro e Yolanda Villar, coa colaboración de empresas, comercios e do Concello de Silleda.
O alcalde, Manuel Cuíña, resaltou o compromiso das promotoras desta iniciativa, ás que agradeceu o traballo realizado e animou a continuar. Ademais, o rexidor, tamén animou durante a presentación, xunto coa concelleira de Participación Cidadá, Pilar Peón, á cidadanía a sumarse a este evento, “porque estou seguro de que pasarán un rato agradable ao tempo que se colabora con esta boa causa”.
Por parte da organización Conchi Cochón lembrou que a dinámica é similiar a de outros anos, cunha comida solidaria na que os asistentes poderán poxar por artigos donados por establecementos de Silleda e da Bandeira. “Esta iniciativa solidaria naceu coa idea de mercar aos nenos e nenas xoguetes novos para o Nadal”, sinalou.
Para participar as entradas custan 10 euros para nen@s (6 euros para a comida e 4 de donativo); e 18 para adultos (10 euros para a comida e 8 de donativo). Estarán dispoñibles ata o día 12 de decembro no Concello de Silleda, Casa da Xuventude, Bar Bety e Herbario Isca. Ademais tamén se poderá colaborar con entradas de fila cero.
O xantar comezará ás 13.30 horas e estará amenizado polo monologuista Quico Cadaval. Para os nenos e nenas que asistan haberá distintas actividades (contacontos, obradoiros de maquillaxe, xogos…). A poxa benéfica comezará ás 16.00 horas.
Esta iniciativa celebrouse por primeira vez en 2011 no hotel Torres do Deza, en Lalín, e o pasado ano no Restaurante González de Silleda, superando todas as expectativas. Así recadáronse máis de 3.000 euros, e mesmo se pudo equipar aos nenos e nenas beneficiarios con mochilas, pixamas, material escolar, e calzado, ademais de xoguetes.
“Silleda volcase sempre con esta iniciativa”, dixo Conchi Cochón amosando o agradecemento das organizadoras a todas as persoas e entidades que colaboran.
O número de familias que solicitan acollerse á entrega de xoguetes segue a aumentar, lamentablemente en cada edición. Este ano prevése que sexan máis de 50 as familias que reciban os xoguetes novos, que serán entregados nun acto privado o día 25 de Nadal.
Na presentación participaron ademais de Conchi Cochón e Yolanda Villar outras persoas que colaboran na organización do certame (Ana Taboada, Yolanda López, Lidia Fuerte, Isabel Rodríguez, Silvia González e Cristina Collazo).