A Transgalaica volta a Silleda con centos de participantes o vindeiro domingo día 15

A Transgalaica, a proba referente a nivel autonómico de BTT volta o vindeiro domingo día 15 ao municipio de Silleda ca carreira organizada polo club local BTT Trasdeza en colaboración co Concello de Silleda, entre outras entidades. A etapa augura novamente unha alta participación, con inscricións que poden realizarse dende mañá martes día 3 e ata o mércores 11.

A proba partirá ás 09:30 horas dende a rúa do Parque da Bandeira, nas inmediacións da praza de Juan Salgueiro. O percorrido discorrerá por Manduas, Negreiros, O Castro, Saídres, Carboeiro, Breixa Pazos, Abades e Bandeira, con dúas voltas, de 37 e 31 kilómetros, respectivamente.

Serán en total 68 kilómetros cun desnivel acumulado de 1.600 metros e que discorrerá novamente por lugares emblemáticos como o miradoiro da Fervenza do Toxa ou o mosteiro de Carboeiro.

Trátase dunha das probas máis agardadas polos ciclistas, ca que será a 2ª etapa da Transgalaica 2026 MTB Series, que arrancou onte domingo día 1 en Ames, e que continuará en Cerdedo-Cotobade, o domingo 29, en Friol no mes de abril e rematará en Manzaneta o vindeiro 10 de maio.

A proba foi presentada  no Concello polo presidente do Club Ciclista BTT Trasdeza Tomás Baúlde e por Rubén Vázquez, tesoureiro da entidade, así como pola alcaldesa, Paula Fernández , e a concelleira de Deportes, Mónica González, que destacaron o traballo realizado polo club silledense nestes últimos anos “traendo a Silleda a proba máis destacada do calendario galego e dando a coñecer tamén o noso municipio dende o punto de vista turístico”, sinalou Fernández Pena.