A Festa da Empanada da Bandeira batiu novos récords no seu 50 aniversario, con Fernando Romay como pregoeiro

O concurso das pezas máis sabedeiras volveu sorprender pola orixinalidade e versatilidade deste plato típico da gastronomía galega

 

A Festa da Empanada da Bandeira, declarada de Interese Turístico Galego, volveu batir récords na súa 48 edición. O certame gastronómico, que vén de cumprir 50 anos de historia, chegou o pasado sábado á vila silledense precedido do éxito do Empanada Fest, cos festivais Bandeirock e Esmorga Folk, que volveron facer as delicias do público.

O día grande, co pregón de Fernando Romay, comezou co pasarrúas do grupo Xirandola dende o Centro Cultural Vista Alegre, onde pode verse estes dias a mostra retrospectiva cos carteis, fotos e noticias que repasan o devir desta festa, organizada por Amigos da Empanada da Bandeira -que preside Andrés Seoane- en colaboración co Concello de Silleda, a Xunta de Galcia -a través da Axencia de Turismo de Galicia-, e a Deputación de Pontevedra.

No concurso de empanadas, volveu destacar a versatilidade e orixinalidade das propostas. No concurso infantil houbo incluso «dobletes»: Carmen e Ricardo Fuerte gañaron os premios á mellor masa e orixinalidade, cunha empanada de mexilóns presentada como unha cancha de baloncesto; e as primas Elena e Mariña Gayoso triunfaron cunha de bonito, acadando o primeiro premio e o da empanada máis tradicional.

Xa na categoria de persoas adultas o premio á orixinalidade levouno Aida Mazás, cunha de bacallau con mermelada de pementos morróns, ca que tamen acadou o terceiro premio da sección amateur.
O premio á empanada mais tradicional foi para Belén Pena Froiz, por unha de cocido. E o premio á mellor masa levouno A Despensa Galega, por unha de choco da ría na sua tinta en masa de trigo, segundo premio en profesionais. Nesta última, de establecementos profesionais o primeiro premio foi para o restaurante O Sendeiro, por unha de orella, papada e pementos de Herbón. E o terceiro foi para Casa Sanmartín, de O Corpiño (Lalín), por unha de vieiras con lacón ao albariño.

Na entrega de premios, ademais das firmas patrocinadoras participaron a a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, o Conselleiro de Cultura , José López Campos; o  presidente da Deputación, Luis López, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.
A poxa das pezas pechou o acto central da cita que seguiu co xantar e a cea das peñas noutra gran celebración dunha das raiñas da nosa gastronomia.

Segundo a organización, que tamén difundiu información turística sobre a comunidade galega aproveitando a presenza de numerosos visitantes e mesmo persoas que están a realizar o Camiño de Santiago, foron máis de 20.000 as persoas que pasaron pola vila da Bandeira nos últimos días de festa.